Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á aprobación definitiva

Consenso para que a Lei da Paisaxe garanta "o desenvolvemento económico" das zonas protexidas

A nova norma recoñece o "dereito ao desenvolvemento económico" das persoas que vivan en zonas de interese paisaxístico. Con todo, desde o PPdeG insisten en que facilita "expropiacións encubertas".

Redacción - 10:00 14/06/2008
Paisaxe na Ribeira Sacra / Flickr: vorjales

Paisaxe na Ribeira Sacra / Flickr: vorjales

A Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento aprobou esta sexta feira unha emenda ao proxecto de Lei de protección da paisaxe de Galiza, para que as persoas que viven en zonas de especial interese paisaxístico "se lles recoñeza o dereito a un desenvolvemento económico, cultural e social, equilibrado e sustentábel"

Esta modificación saíu adiante cos votos a favor de nacionalistas e socialistas, e co voto en contra do PPdeG, que lles pediu aos outros grupos, a través do seu deputado, Jaime Castiñeira, que reconsiderasen a normativa antes de que chegue a pleno para a súa aprobación definitiva.

O PPdeG tiña formulado 41 emendas a esta norma, "nun intento de corrixir algunhas das carencias que presenta, que van afectar especialmente aos propietarios de comarcas como a Ribeira Sacra, aos que somete a unha normativa ríxida que vai provocar custes adicionais, sen obter contraprestación algunha da Administración".

Calquera protección "é unha expropiación encuberta"

De feito, Castiñeira considerou no pleno que, a pesar a emenda, a norma non garante que as propiedades dos veciños destas zonas non perdan valor cando se produza a protección. Ademais, o popular dixo que, ao seu ver, calquera protección "é unha expropiación encuberta".

Fronte ás queixas de Castiñeira, a deputada socialista Laura Seara asegurou que a Xunta "nunca lle expropiou nada a ninguén nos espazos protexidos de Galiza", e advertiulle ao deputado popular que a súa afirmación é "perigosa". Nesta liña, a nacionalista Ana Pontón acusou a Castiñeira de un "acto de irresponsabilidade" e asegurou que a súa "política alarmista" non se corresponde co texto da Lei.

Porén, na súa contrarréplica o deputado popular comentou que, se a protección é "un premio", que sexan os conselleiros os primeiros que o reciban: "por que non comezan por protexer as casas dos membros e membras do goberno de Galiza?", ironizou.

Máis críticas á nova Lei

Terminando xa o pleno, os populares continuaron a criticar a nova norma, que consideran "intervencionista", e copiada da catalá; os nacionalistas salientaron que esta lei aínda vai ter dous meses de exposición pública antes de ser aprobada; e os socialistas consideraron ilóxico que o deputado do PPdeG criticase a lei por "pouco ambiciosa e, á vez, por intervencionista", e lamentou o "rictos dramático e tráxico" de Castiñeira á hora de analizar a Lei, que lle lembraba, segundo dixo a Carlos Arias Navarro trasladando a noticia do pasamento de Francisco Franco.

A Lei da Paisaxe de Galiza

Este lei ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe galega, co fin de preservar e ordenar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sustentábel.

A normativa, que previsibelmente vai ser debatida e aprobada no último pleno deste período de sesións, prevé o desenvolvemento e a aplicación de catálogos da paisaxe de Galiza, das directrices da paisaxe, de estudos de impacto e integración paisaxística e de plans de acción da paisaxe en áreas protexidas.

No caso concreto das directivas da paisaxe, estas han recoller normas e recomendacións para a definición dos plans urbanísticos e sectoriais e das estratexias para o desenvolvemento sustentábel do territorio. Estas normas terán carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: