O Goberno decidiu na súa reunión deste xoves a concesión dos tres galardóns pola actividade artística e investigadora dos premiados.
O director de orquestra Maximino Zumalave, a investigadora Inmaculada Paz Andrade e o debuxante José Luis González Vázquez, O Carrabouxo, son as tres Medallas Castelao 2008, que recibirán o 28 de xuño nun acto público.
O compostelán Maximino Zumalave foi fundador e director do Coro Universitario de Santiago (1979-1985) e do Collegium Compostellanum (1992-1995), principal director invitado da Orquesta Sinfónica de Galicia (1992-1995) e fundador da Real Filarmonía de Galicia, compartindo a dirección con Helmut Rilling ata o ano 2000, seguindo vinculado a esta formación como Principal Director.
Inmaculada Paz Andrade naceu en Pontevedra no ano 1928. É catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), científica, investigadora e pioneira da docencia. É recoñecida internacionalmente no ámbito da Termodinámica e da Macrocalorimetría. Recentemente recibiu o premio María Wonenburger, que recoñece a traxectoria de mulleres nos eidos científico e tecnolóxico. Foi, no campo da docencia, a primeira muller nomeada Profesora Adxunta, a primeira muller Profesora Adxunta por oposición, a primeira muller encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, a primeira muller profesora Agregada da Facultade de Química e a primeira muller Catedrática da Facultade de Física. Dirixiu máis de 30 teses de doutoramento.
Xosé Luís González Vázquez, debuxante de humor galego, alcumado co pseudónimo O Carrabouxo, nace en Ourense no ano 1949. O seu personaxe de ficción homónimo é creado polo humorista en 1982 e caracterízase pola súa senlleira retranca galega. Colabora con regularidade nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Tempos Novos e o semanario A Nosa Terra.