Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ, PREMIO XERAIS 2008

"O mundo cambiou para un mundo que non é a literatura; é moi complicado gañar lectores"

O escritor obtivo o sábado o galardón coa súa novela 'O Xardín das Pedras Flotantes'.

Marcos S. Pérez - 19:40 09/06/2008

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955). Ten publicados libros de relatos: As paisaxes compartidas (1996), Premio Carvalho Calero; Noites de papel (1996), Premio Café Dublín; e Infidelicidades (2001), premio de Literatura Erótica 'Narrativas Quentes'. Tamén publicou as novelas: Arqueofaxia (1995), Premio García Barros; e Irmán do vento (2003) Premio Merlín 2003. É igualmente autor de literatura infantil e de teatro.

O Xardín das Pedras Flotantes foi considerada polo xurado "un relato de amor insólito, extraordinario e paixonal entre dous adolescentes, marcado por unha historia confluente de carácter xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade".

Concordas en que facer unha novela sobre un tema tan universal como o amor dunha parella e a súa evolución a través de distintos tempos e espazos resulta cando menos un traballo ambicioso?

Ben, esa historia de amor é a trama central, o punto de encontro dun conxunto de tramas paralelas previas, e de personaxes secundarios anteriores que van marcar esa relación e que conflúen na historia da parella final. Expoño unha visión da historia como unha enorme rede na que os actos dunha persoa inflúen nos dos demais,

É unha novela que cre no destino, logo?
Dende unha visión metafísica ou filosófica, si, teño que dicir que si. Pero o destino ten nela unha importancia equivalente á que pode ter o azar ou o caos. En calquera caso, prodúcese unha confrontación entre ambas as dúas forzas, e o azar que está na historia eu enténdoo igualmente como unha forma de destino. Igual que o entendía así Borges, que dicía que o azar non é tal, senón que é o nome que lle damos ás múltiples consecuencias de moitas causas.

Podemos falar dunha novela clásica, pola universalidade do tema principal?
No senso de que o tema principal é o amor, si, pero é que de feito a metade das novelas tratan do amor, e a outra metade da morte. A gran maxia da literatura reside en como contar despois estas historias. Pero fóra diso, non creo que sexa unha novela clásica; a súa estrutura, cando menos, é orixinal.

Simón e Anabel existen na realidade, ou son a suma de moitas persoas?
Un personaxe sempre é a suma de moitas persoas distintas. Neste caso estabelécese un xogo entre os dous, un constraste moi forte e moi clásico: el é realista e entende o mundo como unha realidade palpable; ela é idealista, fantasiosa e imaxinativa. E malia ao contraste, a parella convive e dá lugar a unha relación creativa e lírica.

Gañaches premios de literatura infantil, de novela, de narrativa erótica... Atópaste máis cómodo nalgún xénero particular?
Creo que me movo mellor naquelas historias nas que a trama ten moito peso, e prevalece sobre os caracteres e a psicoloxía dos personaxes.

Creo que perdiches a novela enteira por un problema informático e tiveches que volver escribila. Influíu iso no resultado final?
Si, cousas de non facer unha copia de seguridade. E si que tiña algúns bosquexos, pero tiven que escribila dende cero. Creo que a novela gañou bastante con este segundo desenvolvemento. En realidade, este desastre encaixa neste xogo de azares e sucesos do que falaba antes, podería mesmo ser unha parte da trama.

Ti es mestre de secundaria, en contacto directo cos adolescentes. Unha solución para interesalos pola lectura?
A literatura sempre foi unha cuestión de minorías, nunca houbo unha masa de lectores maioritaria. E en realidade non penso que se lea menos que antes, de feito lese máis, e aí estan as cifras, que o demostran. É certo que agora hai outros medios moi poderosos, que compiten coa literatura e que concitan o interese dos mozos. O mundo cambiou para un mundo que non é a literatura; non digo que sexa unha batalla perdida, pero é moi complicado gañar lectores.

Como anécdota, creo que dende hai anos son numerosas as ocasións nas que te confundiron con Manuel Lourenzo, o dramaturgo. Por exemplo cando ti gañaches o 'Narrativas Quentes' e moita xente chamouno a el, pensando que for el quen gañara. Ocorreu tamén esta fin de semana?

Pois a verdade é que nos ten pasado moitas veces, e sempre que nos vemos intercambiamos anécdotas. A min por exemplo unha vez fixéronme unha reportaxe moi ampla en La Voz de Galicia ilustrada por unha morea de fotos do Manuel Lourenzo dramaturgo. E noutra ocasión, un xornal botoulle en cara que asinara unha protesta contra ENCE, cando en realidade fora eu o que participara na protesta. Compartimos méritos e culpas.


4,54/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: