A Consellaría de Cultura está nestes momentos reorganizando os fondos que adquiriu para a apertura deste novo organismo.
En doce meses, como máximo, Galiza terá a súa Biblioteca Nacional. Confirmouno, en declaracións á Radio Galega, Xosé Antonio Regos, director do organismo. Regos salientou que o centro, o primeiro dos edificios da Cidade da Cultura que entraría en funcionamento, contribuirá á dixitalización dos fondos galegos e achegará apoio técnico á rede de bibliotecas do país: "pretende aportar novos fondos á bibliotecas, especialmente as que están ubicadas en lugares de menor poboación. Pretende aportar algo novidoso na difusión e na divulgación do patrimonio bibliográfico", dixo Regos.
Xosé Regos, nacido en Boqueixón en 1953, foi director do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galiza entre 2005 e 2007. Previamente dirixira as bibliotecas das facultades de Medicina, Odontoloxía e Enfermaría da USC.
A Biblioteca Nacional de Galiza será a sede do Centro IBBY da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural. A creación do Centro IBBY é resultado dun acordo da Consellaría de Cultura e Deporte coa Internactional Board on Books for Young People (IBBY), unha institución mundial de fomento da literatura infantil e xuvenil. O anuncio foi feito público en marzo na Feira de Boloña por Ánxela Bugallo. O edificio acollerá non só a biblioteca, senón tamén a mediateca, unha libraría institucional e exposicións temporais.