Sería unha enorme simplificación, pensar que a crise da pesca afecta a todos por igual, ou que os intereses “dos pescadores” son os mesmos. Certamente que hai factores que agudizan o que todos están a pasar, como a suba do gasoil ou a importación de peixe de dubidosa legalidade (admitindo por exemplo a “carioca de Boston” e trapalladas semellantes). Pero hai outros, como as marxes na comercialización, a dependencia dos intermediarios, sobre os que a posición dos grandes armadores e os pescadores artesanais, son ben diferentes.
Os armadores de altura están enfrontados a un feito evidente: a sostibilidade da súa actividade. Son un sector que debe xogar no campo da mellora da calidade e da competitividade, asumindo o seu risco empresarial, incorporando tecnoloxía eficaz e selectiva e deixando atrás un proteccionismo e unhas marxes que serían inadmisibles noutros sectores. Deben, ademais, asumir o desafío dos límites medioambientais e o respecto á legalidade laboral á hora de contratar as súas tripulacións, ora galegas, ora inmigrantes.
A pretensión de iren agora “da man” da baixura parece un pouco abusiva, precisamente porque a pesca costeira ten asegurada a súa supervivencia só na medida en que se saiba diferenciar de maneira nidia da pesca industrial. Na pesca artesanal xogan factores semellantes, pero a un nivel moi diferente. Resulta indispensable un cambio radical de mentalidade nos pescadores de baixura, cambio sobre o que se leva anos traballando: pasar da cantidade á calidade, dar garantías ao consumidor sobre a orixe do peixe, adoptar nas nosas rías (zonas mariñas de enorme produtividade, cambio climático mediante) un conservacionismo radical.
Nesa liña, unha fase de crise como a actual pode ser unha oportunidade para profundar en cambios sobre os que hai xa experiencias ben interesantes, como a de “mar de Lira”. As rías son a mellor piscifactoría imaxinable, pero precisa de certos coidados, como non rebentalas con dinamita, non usar as redes de cerco como arrastre de fondo en augas nas que o peixe se recría, ou non convertelas en vertedoiros con depuradoras que non depuran e urbanizacións inútiles sobre recheos inxustificables. E logo quedan as grandes cuestións sociais: en que medida beneficiará unha rebaixa dos impostos, ou sobre o prezo do gasoil, ou unha axuda directa aos armadores á mellora das condicións de traballo a bordo, dos salarios, ou da seguridade no traballo dos mariñeiros?