A banda francesa estará acompañada por The Dirty Projectors e os galegos Niño y Pistola.
O Sinsal abre a súa estación de verán cun concerto moi agardado. Experiénce, a banda de Michel Cloup, está de xira pola península presentando o seu novo álbum, Nous (en) sommes encore là, e recala en Vigo, nun concerto que comezará ás sete e media da tarde no Teatro Vidal Bolaño do Campus Universitario.
Michel Cloup fíxose un nome na escana alternativa europea nos anos noventa, con Diabologum que chegara a colaborar nun álbum de Manta Ray. Experiénce mestura rock, electrónica e hip hop cunha mensaxe combativa, moi política, cunha traxectoria que dende o 2001 deu lugar xa a tres discos, iniciados con Aujourd'hui Maintenant e Hemisphère Gauche.
Antes, actuarán os Dirty Projectors de Dave Longstreth, unha das bandas máis prometedoras do momento, como demostraron no recente Primavera Sound. E os galegos Niño y Pistola, que continúan a presentar o seu segundo álbum, Culebra, pop acústico tremendamente influído polos Beatles máis clásicos.
Programación do Sinsal Verán
Sábado 28 de xuño. Teatro Caixanova. Konono No 1
Domingo, 29 de xuño. Clube Vademecum. Sightings
Mércores, 30 de xullo. Museo do Mar. Jin Hi Kim & Gerry Hemingway