Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR, ESCRITOR

"A literatura actual vai frenética: chegar antes, papar os figos verdes, correr e fuxir"

O autor recibe este sábado unha homenaxe na AELG no seu Melide natal, onde a biblioteca municipal pasará a levar o seu nome.

Marcos S. Pérez - 09:30 07/06/2008

Xosé Vázquez Pintor, nacido en Melide en 1946, e mestre, desenvolveu a súa actividade literaria en poesía xa dende os anos setenta, acadando en 1989 os premios Esquío e Cidade de Ourense. Tamén en teatro, fundando e dirixindo o grupo Ancoradouro. E en novela, que lle reportou os meirandes recoñecementos, coma o Premio da Crítica Española en 2002 ou o Premio Vicente Risco de creación literaria en 2007, coa súa obra máis recente: Para dicir abril. Este sábado recibirá unha merecida homenaxe na súa vila, ofrecida pola Asociación de Escritores, que lle outorgará o galardón Letra E.

Que sente un ao ser homenaxeado na súa vila, sabendo por exemplo que os rapaces de agora e das vindeiras xeracións van acudir á biblioteca pública Vázquez Pintor?
Agradecemento e orgullo. Nestas dúas palabras vai un mundo de memorias e de débedas para quen me deron a vida, o cariño, a mau aberta, as complicidades... As Bibliotecas son un niño de palabras para a infancia, un colo para os primeiros parágrafos da adolescencia, unha fonte luminosa para as descubertas xuvenís da Literatura, un caxato para as achegas que un non sabe. E na vellice unha das mellores maneiras de aprendizaxe e da sabiduría polos tantos anos que ficaban atrás.

Por que pediu que se plantase, precisamente, un buxo?
O buxo é a nosa árbore que canta e danza a un tempo; e repenica aínda no labor das maus femininas de Camariñas, maus obradores dos "encaixes". A súa dozura e resistencia está tamén en moitos apeiros da labranza en mar e terra. E hai memoria e museos que gardan as culleres de pau, os garfos, as cuncas... Nese seu aloumiño á nosa historia familiar, na simboloxía das permanencias, no son da gaita..., van sempre as miñas apertas, o meu cariño nas sendistancias. Velaí.

Vostede fai teatro, poesía, narrativa... Que lle ofrece cada xénero? Que lle permite expresar cada un?
O teatro, que herdei das palabras da Manuel Daniel Varela Buxán, de Maruxa Villanueva, de Fernando Iglesias, "Tacholas", na miña xuventude, deume ledicia e preocupación a un tempo. Tentei un obradoiro de expresión xestual en Cangas no ano 1981. Era no Colexio Público de Coiro e nacía así Ancoradouro, mimo e pantomima. Unha regalía de sorte para traspasar fronteiras xeográficas e medrarmos nas autoestimas. Eramos autodidactas, ousados, ventureiros / ventureiras. A administración galega non entendía ben que o Teatro Profesional ten que pasar necesariamente polos obradoiros de formación e creatividade. A poesía é sempre un soño que nunca se cumpre: está aí nun dime permanente de "cólleme"; ese desafío. Son os primeiros versos da frescura, son as palabras da mensaxe solidaria, do amor, das excentricidades, das antoloxías, do "vestir e gastar poeta".

A narrativa deume a miña etapa máis agradecida, a de máis espectacularidade; e con ela as eivas de me saber con dificultades para un público desafeito ao noso idioma, a moitos dos códigos e rexistros da Literatura, que eu nunca souben domesticar e convencer para os alcances da doada lectura, das historias e referentes do número de vendas e multiplicacións varias, ese cumio que nos preocupa, tamén en ben da Lingua. No resumo que me pides de cada un para as miñas posibilidades expresivas, direiche que o teatro é o vitalismo, somos de antigo un pobo intérprete, máis ca espectador; a poesía é o sentimento do profundo, as causas e as cousas do conforto ou da nortada; a narrativa é a lucería na noite pecha ou tamén no plenilunio: o xénero no que máis e mellor disfruto.

Na súa última novela, Para dicir abril, métese no maxín dunha rapaza de 29 anos e lesbiana; e faino dun xeito moi profundo e moi natural, ao tempo. Como o conseguiu?
Podo dicir como me impuxen as obrigas por este libro, mais non como foi a súa andaina ao longo das horas e dos días, sen intermitencias, coma un lume abrasador na chaira. A chispa está, coma sempre, nunha circunstancia: o desafío dun machote na terraza dun bar, e a súa descarga en covardía para a burla dunha moza fermosísima que viña de lonxe: "a esta tortillera o que lle cómpre é un bo..."; e houbo risas, que se apagaron no cinismo cando a mociña pasaba de perto e sen complexos. Anoxei aquela tarde e aquel badulaque, que aínda vive; xa non importa. Velaí, corenta e cinco anos despois, como a vida ferve e a memoria non minte e recupera aquela forza das palabras que non puiden ou non souben retrucar; arestora estou un chisco máis feliz.

O libro ten unha linguaxe poética, espazos temporais simultaneos, en definitiva, é unha obra complexa na súa escrita e na lectura, na que o lector debe ser activo, facer un certo esforzo. A literatura actual vai por outros camiños? Estamos afacendo aos lectores a libros nos que se lles dá todo feito?
A literatura actual vai frenética, nese Ave que tanto nos preocupa tamén para Galicia: chegar antes, estar axiña nas feiras, nas listas, nas traducións, papar os figos verdes, correr e fuxir... Son os xeitos. Non hai espazos para os convívios, para as demoras das palabras e dos xestos, as salutacións, os ollares de fronte; hoxe amósase o perfil, "ir de lado", de beira. Eu así non sei nin quero. Coido que o lector de hoxe é en parte tamén vítima desta circunstancia: non ama a Literatura aínda que goste de ler e de escribir, non porque non teña as dotes senón porque foi mal educado para os libros de profundo calado, onde xaz o tesouro das descubertas (as formas que visten en galanos os contidos, as historias que sempre hai).

Podo supor que a eiva está nese trance da adolescencia á xuventude, ese chimpo necesario que hai que iluminar: até aquí todos chegamos/chegan aínda cunha impresión dos libros que non se corresponde coa realidade da fermosura literaria; son obras impostas por adultos, en certa maneira, aconselladas para facer comentarios e obter unha nota de cualificación; no canto de non impor uns títulos sería moi mellorábel o labor das descubertas colectivas das páxinas onde se garante a fermosura do verbo, a sorprendente descuberta dos códigos aprendidos nas leccións teóricas, o namoro do léxico, as eufonias do galego, o son da estirpe, que as oralidades aínda están nalgures dos recantos de familia, ao lonxe. Velaí. Porén esta miña leria aquí vai ser inútil, acaso por un tempo. Imponse o lixeiro, o urxente, o nec-ocio (negación do ocio). Cómpre non des-esperar. Non en longo prazo: a Literatura mingua e vai ou non vai. Pois nós tamén.

Vostede é creador, máis tamén dinamizador cultural, en moitas áreas. Está aínda pendente unha homenaxe, un meirande recoñecemento aos intermediarios culturais, ás persoas que de xeito silandeiro traballan a prol da cultura nos ámbitos locais, na cultura de base?
Levas moita razón en reclamar esta homenaxe, atención agradecida para as persoas que mudan o paso a prol dos referentes da Cultura e do Progreso. Son as caladiñas/caladiños, abellas e formigas silandeiras de longo percorrido vital. Teñen o perfil dos tímidos e acarrexan no anonimato a mantenza necesaria para sermos identitarios: luces contra as sombras; palabras contra o silencio; obras contra o parrafeo. Estou con esta Festa de recoñecemento. En cada lugar, parroquia, vila, cidade..., os nomes dos/as obradores/as nas intemperies; vidas xenerosas, eses activos permanentes que aquí hai. Na súa procura vai o meu ofrecemento e as apertas de buxo sempre.

Colaborou dende sempre na prensa, con centos de artigos. Como ve a prensa galega hoxendía? Están aí os problemas que de verdade preocupan aos galegos?
Eu sempre tiven moita sorte neste eido, que foi a miña mellor axuda contra os silencios que ninguneaban ou baleiraban no lixo o soño na literatura. Coido que arestora todo vai no fiadeiro e no contexto que antes dicía: as présas, as premuras, ás veces as dependencias, o benficar, os medos... Non desboto que teñamos moi en breve unha melloría destas oportunidades de opinión en todos os formatos. Son as voces que eu quero libertarias; tan capaces, tan de agradecer.

Veremos recoñecido a curto prazo o patrimonio inmaterial galego-portugués como 'patrimonio da humanidade'?
Sen dúbidas. E se as hai cómpre desbotalas, pola saúde de noso, por non desmerecer o compromiso coa herdanza da Historia. Hai patrimonio inmaterial galego-portugués a esgalla, para que a Humanidade saiba, entenda, aprehenda, goste del e multiplique o noso orgullo irmandinho, aquí, alá, aló e acolaló. O tempo será.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: