Unha delegación do Consello de Seguridade da ONU visita varios países en conflito para elaborar un 'parte de guerra'.
Os 15 membros do Consello da Seguridade da ONU formarán parte da delegación
Unha delegación do Consello de Seguridade das Nacións Unidas visitará Xibutí, Somalia, Sudán, Chad, a República Democrática do Congo e Costa de Marfil nunha xeira de dez días iniciada esta fin de semana.
A visita servirá para confeccionar un informe acerca da situación de guerra permanente que se vive nestes países, segundo informou o organismo, e para analizar o xeito de pórlles fin a estes conflitos armados.
A primeira parada, para abordar o problema en Somalia, estaba prevista en Xibutí, xa que se considera o territorio somalí perigoso de máis para as conversas co goberno e coa oposición. Este domingo, precisamente, o presidente, Abdullahi Yusuf Ahmed, sobreviviu a dous ataques cando trataba de chegar ao aeroporto de Mogadiscio.
A insurxencia islamista combate o feble goberno, que conta co amparo de Estados Unidos por considerar que o grupo armado ten ligazóns con Al Qaeda. Os expertos valoran negativamente este apoio incondicional de Washington a unha das partes, porque provoca un enquistamento maior do conflito.