A mítica banda de postpunk regresa aos escenarios case trinta anos despois da publicación do seu único álbum, 'Colossal Youth'
O Sinsal de primavera péchase esta noite ás 21.30 cunha cita histórica. Vigo será, xunto con Barcelona (Primavera Sound) a única cidade do Estado no que se poderá ver en directo o regreso dunha banda, os galeses Young Marble Giants, que con só un disco, Colossal Youth (1980) deixaron unha pegada imborrábel nos afeccionados á música. Colossal Youth segue sendo, 28 anos despois da súa publicación, un dos álbumes máis orixinais nunca publicados, un álbum impecábel, ademais, ao que non lle sobra unha nota. O álbum reeditouse en 2007 dando paso a unha xira de regreso con poucas e escollidas actuacións.
Young Marble Giants tiñan do punk o gusto polo discurso directo e rápido, a sinxeleza aparente da súa música (guitarra, baixo, batería e órgano) e a filosofía do do-it-yourself. Mais o seu virtuosismo era claro tamén, e as súas influencias moi variadas: Cabaret Voltaire, The Fall, The Velvet Underground, Kraftwerk...
Despois de publicar o disco, que moi logo se converteu nunha caste de best seller na escea independente, a banda gravou algúns ep's para a súa compañía Rough Trade. E separáronse. Colossal Youth ficou como o único traballo do grupo, convertido en mito para varias xeracións de músicos, dende Kurt Cobain a Low. Do mesmo xeito que sucedeu co Loveless de My Bloody Valentine ou que semellaba que ía pasar con Portishead. Non era preciso dicir máis nada. Young Marble Giants lograran o imposíbel: a perfección dentro do punk.