Esta cuarta feira tiña que se coñecer se o galego Carlos Pérez, Perucho, poderá participar en Beixín, mais non se dixo cal das dúas embarcacións propostas pode quedar coa única praza.
A comisión integrada por técnicos e expertos de piragüismo, reunida na sede do CSD, en Madrid, evitou esta cuarta feira de mañá, decidir cal das dúas embarcacións de K-2 do equipo estatal clasificadas para os XXOO de Beixín ocupará finalmente a única praza existente.
Na tripulación dun dos dous K-2 está o galego (de Aldán) Carlos Pérez, Perucho, acompañado polo catalán Saúl Craviotto, medalla de prata nos Campionatos Europeos en 500 metros. Na outra van o asturiano Javier Hernanz e o palentino Diego Cosgaya, subcampións nos 1.000 metros.
O tribunal, no que a Federación Española de Piragüismo tiña delegado a decisión final no que entendía como un ditame "inapelábel", non se deu decidido, mais, segundo fontes da federación, será o presidente desta entidade, o galego Santiago Sanmamed, o que comunique unha posíbel decisión, a vindeira fin de semana nunha xuntanza cos catro palistas.