Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Sóubose esta semana

A Federación Española de Remo non quere a Vicky Piñeiro como temoneira dos homes

A galega non poderá estar co seu clube, o cántabro Astillero, nos vindeiros campionatos estatais, que se han desenvolver en Castrelo de Miño o 28 e 29 do mes que vén.

Redacción - 11:21 28/05/2008
Piñeiro cos seus compañeiros

Piñeiro cos seus compañeiros

A Federación Española de Remo resolveu impedirlle á canguesa María Victoria Piñeiro estar os vindeiros días 28 e 29 de xuño, co seu clube, o Astillero, nos Campionatos Estatais de Remo Olímpico.

Piñeiro, que leva todo o ano competindo, a nivel internacional, de temoneira no equipo sénior masculino de oito do Astillero (actual campión estatal), agora pode que quede en terra.

O organismo baséase nas normas internacionais, que non permiten a unha muller ser temoneira dunha embarcación sénior masculina, e viceversa, mais contemplando a posibilidade de facer algunhas mudanzas, ideadas polas federacións de cada país. De feito, noutros países europeos, coma en Francia ou no Reino Unido, as mulleres si ocupan un posto que require máis destreza do que forza. Mais para a federación estatal non é unha prioridade mudar esa parte do regulamento, aínda que estea nas súas mans.

O Parlamento Cántabro únese para que Vicky poida subir á embarcación
O veto a Vicky Piñeiro dado pola federación estatal, chegou esta semana ao Parlamento Cántabro, e a cámara pediulle ao goberno español que realice as xestións precisas para que as mulleres poidan ser temoneiras nos barcos masculinos de oito no Campionato Estatal.

Os tres grupos con representación na cámara (PP, PSOE e PRC) consensuaron unha proposición non de lei que insta ao goberno cántabro a realizar as xestións precisas ante o executivo español e ante a federación de remo, para que se aplique a Lei de Igualdade, aprobada en marzo do ano pasado.

Xa hai uns días a galega recibía o apoio da ministra de Educación, Política Social e Deportes, Mercedes Cabrera; e da ministra de Igualdade, Bibiana Aído, ao tempo que instaban á federación a modificar o regulamento. Dende aquí, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, remitiu senllas cartas, ao clube e a Piñeiro, nas que lles amosaba o seu total apoio nesta súa reivindicación.

Pode que este ano non vaia para adiante a petición da galega, pero se cadra o ano que vén pode competir, e coma ela outras mulleres.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: