Os premiados foron Carlos Pajares, polo estudo da orixe do universo, e os novos investigadores Miguel Ángel Correa, en nanotecnoloxía, e Roberto López, en telecomunicacións.
Carlos Pajares
A Consellaría de Innovación e Industria entregou o martes en Compostela os Premios Galicia de Investigación 2007, que fixeron o seu décimo aniversario. Desta volta, os galardóns recaeron nos doutores Carlos Pajares Vales, Miguel Ángel Correa Duarte e Roberto López Valcarce.
O recoñecemento a Carlos Pajares Vales, doutor en Física e catedrático e ex-reitor da Universidade de Santiago, débese ao seu traballo investigador no campo das partículas elementais e ás súas achegas no campo das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade. Pajares centrou a súa investigación na reprodución experimental da orixe do universo mediante aceleradores.
No seu discurso, Pajares Vales salientou o "recoñecemento a un labor que en moitos aspectos non é un mérito individual senón de moitas persoas". Tamén amosou o seu convencemento de que o xurado tivera en conta a súa "participación na orixe e desenvolvemento da Facultade de Física e en particular da área de Física de Partículas".
Pola súa banda, o premio na categoría de investigador novo concedéuselle ex aequo a Miguel Ángel Correa e a Roberto López Valcarce debido á excelencia demostrada polos dous candidatos, o primeiro na investigación en nanotecnoloxía e o segundo polo seu traballo no campo das telecomunicacións.
Miguel Ángel Correa (1971) centra o seu traballo no campo da nanotecnoloxía, concretamente no desenvolvemento de novos materiais multifuncionais para aplicacións en diferentes sectores. Actualmente é investigador principal do proxecto “Funcionalización de nanotubos de carbono para aplicacións como biosensores e microrreactores”, financiado pola Xunta de Galicia.
Roberto López Valcarce (Ponferrada, 1971) é doutor enxeñeiro de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O seu traballo investigador desenvólvese na área do procesado da sinal, principalmente na súa aplicación ás comunicacións dixitais e na eliminación das distorsións producidas en procesos de transmisión.
O acto contou coa asistencia da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; do director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; do secretario xeral de Política Científica e Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, José Manuel Fernández de Labastida; e dos reitores das universidades de Santiago, Senén Barro; Vigo, Alberto Gago, e A Coruña, Xosé María Barja. Non puido asistir o conselleiro de Innovación e Industira, Fernando Blanco, pola súa comparecencia no Parlamento.