Os ecoloxistas fixeron peneira mediática dos anuncios e campañas que transmiten valores discriminatorios, sexistas ou ecoloxicamente reprochábeis.
Donostia foi o escenario da entrega a pasada fin de semana dos premios Sombra 2008, nove proxectos publicitarios seleccionados por diversos motivos para denunciar os valores que lle transmiten aos cidadáns.
A entidade convocante, Ecoloxistas en Acción, organizou o certame en nove categorías. En primeiro lugar, o premio Lavadora Verde, é o adicado ao anuncio "cuxos valores medioambientais e ecolóxicos contrastan co que hai detrás do anunciante". O elixido para este galardón foi o spot de Honda "Non te esforces", que "suxire ao cidadán que cumpriu co ambiente con só adquirir o modelo de coche anunciado".
O premio "Floreiro" critica a publicidade que usa as mulleres "como obxectos sexuais" promovendo "un modelo único de beleza". Vai para outro anuncio de coches, "Musa", de Lancia, que se lanzou co eslogan "Desde cando a alguén lle importa se es bela por dentro?".
O premio "Cenutrio", foi para o anuncio "O importante é a marca", de Farmaindustria, "por fomentar valores negativos para o desenvolvemento do colectivo" e mais un consumo "baseado na marca para algo tan esencial como as menciñas".
Na web de Ecoloxistas en Acción poden consultar en detalle a lista completa dos Premios Sombra 2008.