Doce compañías teatrais formadas nas tres universidades galegas participan na Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que se desenvolve en Compostela.
A mostra iníciase este luns con Comedia bífida, de M. Núñez Singala, e representada pola Compañía Bicodobrelo da USC; e continuará ao longo de todos os días ata o 5 de xuño, cando Teatro no Aramio da USC pechará con Minifundiolandia, de Antonio de Valdivielso. As representacións comezarán ás nove da noite nos escenarios do Salón Teatro e do Teatro Principal, con entrada de balde previa retirada da mesma a partir das seis da tarde.
Tamén participarán coas súas respectivas montaxes o Grupo de Teatro da Facultade de Ciencias da Educación da USC, con Amortriscos: cousas que dicirnos (día 27); o Aula de Teatro do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, con Top Girls (día 28); Teatro da Falua da USC, con Mort (día 29); e Aula de Teatro da Universidade da Coruña, con Ubu Rei (día 30). Seguirán Murmurios Teatro da USC, con En construción e Terapia do Chicle, con Unha traxedia calquera (ambas as dúas o 31 de maio); Tangatutanga Teatro, con O abano de Lady Windermere (1 de xuño); Aula de Teatro Maricastaña da Universidade de Vigo, con 84 (día 2); Aula de Teatro da USC, con As Raíñas (día 3); e NNC da USC, con Golpe de estado (día 4).
Na presentación desa programación, o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elías Torres, resaltou que o teatro é "a marca xenética da actividade cultural da USC" e que nos vindeiros días poderá verse "unha mostra selectiva" da dinámica teatral xurdida no seo das tres universidades galegas, que ten un especial "vigor" no caso da institución compostelá.
Este programa está promovido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Deputación da Coruña e tamén do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) e a Concellaría de Cultura de Santiago, que facilitan os espazos para as representacións.