O ciclista de Vilagarcía logrou a vitoria na proba catalana logo de desbancar ao até este domingo líder, o francés Remi Pauriol.
Gustavo César Veloso vén de dar unha das alegrías deportivas máis grandes da aínda breve historia do Karpin Galicia: a primeira vitoria na clasificación xeral nunha carreira Pro Tour. O corredor de Vilagarcía proclamouse este domingo campión da Volta a Cataluña logo de queimar os oito segundos que o separaban do líder, o francés Remi Pauriol, na última proba entre Pallejà e Barcelona (122 quilómetros). O gañador da etapa foi José León Carrasco do Andalucía-Cajasur.
Poucos minutos despois da xesta, Veloso facía ase seguintes declaracións: "É unha vitoria moi importante para min, a máis importante do meu palmarés. Coñecía perfectamente o percorrido e, como chovía (eu, que son galego) sentinme fenomenal. Falara co meu director, Álvaro Pino, e díxenlle que se escapaba un grupo eu podía chegar. E así foi. Arrisquei e afortunadamente todo foi ben".
Está previsto que os corredores do equipo galego cheguen a primeiras horas desta noite ao aeroporto de Santiago.