Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Indemnización

Kelme terá que lle pagar 49.608 euros ao futbolista Oleguer Presas

O ano pasado a marca deportiva decidiu rescindir o contrato co xogador logo de que este publicase un artigo sobre De Juana Chaos.

Redacción - 15:10 24/05/2008
Oleguer, acompañado polo seu avogado

Oleguer, acompañado polo seu avogado

Un Xulgado de Elxe estimou a demanda por incumprimento de contrato presentada polo defensa do FC Barcelona, Oleguer Presas, na primavera de 2007 contra a empresa de roupa deportiva Kelme.

A empresa teralle que pagar ao futbolista unha indemnización de 49.608,58 euros, así como as posteriores contraprestacións xeradas até a rescisión do acordo de patrocinio, aínda que ten a posibilidade de recorrer a sentenza ante a Audiencia Provincial.

Kelme e Oleguer asinaron en xuño de 2004 un acordo de promoción polo cal o xogador cobraría unha serie de cantidades en función do número de encontros disputados.

O 8 de febreiro de 2007 o defensa barcelonista recibiu un burofax da compañía onde se lle comunicaba a decisión de Kelme de rescindir de xeito unilateral o acordo pola repercusión social dos seus posicionamentos políticos.

"Manifestación de ideas políticas"
O xogador publicara un artigo sobre a situación de De Juana Chaos, onde poñía en dúbida o funcionamento do Estado de Dereito, o poder político e a independencia dos xuíces.

A xuíz estima que non consta en autos que "o demandante realice manifestacións en defensa da acción terrorista de De Juana, senón que tan só se sitúa en relación á súa posíbel liberdade como consecuencia da súa folga de fame".

Ademais, no xuízo, quedou acreditado que Presas, tempo antes de asinar o contrato con Kelme, expresara con frecuencia a súa posición ideolóxica. "Parece un contrasenso pretender unha rescisión do contrato, precisamente por facer unha nova manifestación das súas ideas políticas", di a xuíz.


Ligazóns

4,94/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: