Incluirá a reparación de buratos deixados polo anterior equipo de goberno, como é a débeda do canon enerxético con varios concellos.
A Deputación de Lugo reserva nestes orzamentos máis de cinco millóns de euros para pagar a débeda con varios municipios afectados polo canon enerxético (tres millóns ao Concello de Chantada e dous a diversos concellos tamén afectados polo mesmo caso). Trátase dun exemplo significativo da viraxe no temón provincial, despois de anos de preitos desde o sur lugués contra esta irregularidade e do daquela presidente, Francisco Cacharro, freando á execución das sentenzas xudiciais.
Desta volta, a institución provincial presentou unha proposta de orzamento para ser debatida a semana que vén, que suma 153,7 millóns de euros, un incremento dun 10% respecto do orzamentado o ano anterior. Será ademais o primeiro integramente confeccionado pola coalición de PSdeG e BNG.
Ao fío, o presidente da Deputación, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, destacaba este xoves que o proxecto servirá para "poñerlle fin ás débedas históricas" que mantiña esta institución "sen que se hipoteque o futuro". Por outro lado, o vicepresidente primeiro, o nacionalista Xosé Antón Bao, salientaba que as contas "recollen a vontade dun goberno integrado por dúas forzas políticas de facer posíbel unha nova Deputación", ademais de subliñar que permitirá que o ente dispoña dunha política social e cultural "cuns obxectivos claros".