Kostka Fernández, un home moi ligado politicamente ao ex conselleiro Xaime Pita, anuncia batalla contra o candidato oficial: Carlos Negreira.
Carlos Negreira, conta co apoio de Romay Beccaría
Carlos Negreira non vai ser o único candidato a presidir o PP coruñés. O que fora delegado da Consellaría de Presidencia, Kostka Fernández, anunciou esta semana que aspira ao mesmo cargo. Segundo declarou este mesmo xoves a Europa Press, preséntase porque Negreira xa acumula “moitos cargos”. Fernández xa anunciou que conta co aval dun grupo de militantes compostelados, nucleados arredor de David Pillado.
Mais entre a militancia do PP coruñés consideran que a candidatura de Kostka Fernández é realmente un desafío ao todopoderoso Xosé Manuel Romay Beccaría, que respalda a candidatura de Negreira. Aínda que as posibilidades de Fernández cara o congreso provincial son mínimas, a aposta intenta forzar ao sector oficial a que integre a algúns dos rivais de Romay. Fontes do PP coruñés consideran que ex conselleiros como Xaime Pita, Xosé Antón Santiso Miramonte ou Hernández Cochón ven, cando menos, con bos ollos o paso de Fernández.