Pode haber unha conexión entre os produtos dopantes atopados na sede do equipo luso con laboratorios farmacéuticos do noso país.
Segundo a radio portuguesa TSF, as autoridades policiais do país veciño están a investigar a conexión entre os produtos dopantes atopados na sede do equipo de ciclismo luso LA-MSS e laboratorios farmacéuticos de Galiza.
Podería ser que o equipo de Póvoa do Varzim se abastecese ilegalmente no noso país, polo menos esa é a afirmación da fonte da Policía Judiciária que cita a TSF. A mesma fonte tamén salienta que, até o momento, esta investigación sobre as posíbeis prácticas dopantes no ciclismo portugués non envolve outros clubes, alén do LA-MSS.