Os celestes revalidaron o título de campións esta terza feira no Estadio do Couto (Ourense) ante o Dépor. Nos penaltis, un erro de Filipe e o posterior gol de Dani Abalo decidiu o clásico galego.
Durante case todo o encontro, o Celta deixoulle facer ao Deportivo, mentres tentaba ir ao contragolpe. O equipo de Alejandro Menéndez buscaba a velocidade das bandas como recurso para sorprender a un Dépor ben plantado sobre o terreo de xogo. Porén, mediada a primeira parte, o canario Antonio Guayre probou a Fabri, pero o meta coruñés estivo seguro (o primeiro aviso dérallo Mario Suárez, cun remate dende a frontal, nada máis comezaba o partido).
O Deportivo, animado polos seus seguidores, comezou a xogar ao ritmo que marcaban Juan Rodríguez e Valerón no centro do campo. Ademáis, Riki apareceu na dianteira, primeiro cun testarazo que marchou rozando o pau, e despois nun man a man que desaproveitou ante Luís García. Parecía que os dous equipos esqueceran que o encontro era un amigábel, namentres ía medrando o xogo en tensión.
Os futbolistas, conscientes da importancia para os seus seareiros de vencer no clásico galego, estaban a tope, mais sen gozar de ocasións moi claras, mesmo na segunda parte. Houbo que chegar aos penaltis.
Os penaltis decidiron o partido
Ante a portería estaban Agus, Mario Suárez, Vitolo, Diego Costa e Maric, polo Celta; e Verdú, Taborda, Cristian, Lafita e Riki, polo Deportivo.
Ninguén errou, polo que houbo que recorrer á morte súbita, onde a parada de Luís García, a un disparo de Filipe, e o gol do galego Dani Abalo déronlle o seu segundo título da Copa Galiza ao Celta de Vigo, trofeo que entregou a Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo.
Os datos do encontro
RC Deportivo da Coruña: Fabri; Manuel Pablo, Adrián López, Chapi, Filipe; Cristian, Juan Rodríguez, Antonio Tomás, Guardado; Valerón e Riki. Tamén xogaron Verdú, Caridad e Lafita.
RC Celta de Vigo: Luís García; Vara, Rubén, Jonathan Vila, Noel; Fernando Sales, Vitolo, Mario Suárez, Guayre; Jorge Larena e Okkas. Tamén xogaron Agus, Diego Costa, Richi, Dani Abalo, Maric e Pepe Aicart.
Árbitro: Docabo Otero (colexio de Ourense), auxiliado nas bandas por Crespo Varela e García Vázquez. Amoestou a Verdú por parte do Deportivo da Coruña e a Okkas, Dani Abalo e Guayre por parte do Celta de Vigo.
Incidencias: Encontro correspondente á final da Copa Galiza disputado no estadio do Couto ante uns 4.000 espectadores. Antes do encontro tocou o himno nacional unha selección das bandas de música de Lobios, Vilanova dos Infantes e Ribadavia.