Axentes franceses e españois detiveron ao suposto xefe da organización, Francisco Javier López Peña.
A primeiras horas da noite deste martes, a policía francesa, coa colaboración de axentes da Garda Civil, detivo preto de Burdeos a catro persoas que consideran que poden formar parte da cúpula de ETA. As forzas de seguridade cren que un dos arrestados, Francisco Javier López Peña, é o máximo responsábel da organización armada. Canda el foron apresados Igor Suberbiola, Ainhoa Ozaeta e Jon Salaberría, estes dous últimos ex deputados de Batasuna.
Segundo as primeiras informacións, os detidos foron elementos decisivos nas negociacións que se sucederon entre o goberno español e ETA. A operación ten lugar poucos días despois de que ETA matase un garda civil cun coche-bomba.