A iniciativa de Cultura para 2008-2011 prevé o desenvolvemento de 83 actuacións coas que dar "protagonismo e proxección" ao traballo feito en Galiza
A Consellaría de Cultura e os representantes das artes escénicas mostraron o seu compromiso co sector a través da execución conxunta do Plan Galego das Artes Escénicas (PGAE) para 2008-2011, no que está previsto o investimento de case 66 millóns de euros que permitirán o desenvolvemento de 83 actuacións.
Con este proxecto iníciase o camiño para a "modernización, profesionalización e proxección" das distintas modalidades escénicas, segundo indicou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, xa que o PGAE é a "folla de ruta estratéxica que guiará o desenvolvemento da escena galega nun camiño alternativo ao proteccionista".
Responsabilidade compartida
O documento será o marco integral das políticas públicas que se desenvolvan en Galiza nos vindeiros anos e prevé a "visión conxunta" e a "planificación colectiva de medidas" entre a Administración e os representantes da Escena Galega. Serve ademais para pagar a "débeda" que a sociedade ten co sector polo seu compromiso coa lingua e a cultura galega", segundo indicou o xerente do IGAEM, Miguel Martín.
Os eixos do Plan son "promover a dimensión sociocultural das artes escénicas, consolidar procesos de creación, innovación e formación, potenciar as industrias vinculadas, consolidar o mercado das artes escénicas e promover a internacionalización da produción escénica".