Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
TELEFONÍA

A empresa R móstrase "optimista" ao respecto da demanda de móbiles en galego

A empresa de telecomunicacións R valora positivamente a venda de terminais con menús na nosa lingua.

Redacción - 13:50 20/05/2008
Tres dos móbiles que oferta R cos menús en galego

Tres dos móbiles que oferta R cos menús en galego

O operador galego de telecomunicacións R anunciou na véspera do Día das Letras o lanzamento de catro móbiles cos menús en galego, unha posibilidade de escolla que apenas tiñan os consumidores até o momento. En realidade, R xa lanzou dous deses modelos, o Sony Ericsson w380i e o Nokia 5610, hai un mes, mentres que outros dous aparellos de Nokia, o 2600 classic e o 3120 classic, saíron ao mercado o venres 16 con bos resultados de vendas xa no primeiro día.

O responsábel de produto móbil de R, Héctor Parra, amosouse satisfeito coa resposta dos clientes cara aos móbiles en galego. Os dous modelos que xa estaban no mercado acaparan o 4,2% das vendas, cifra positiva se se ten en conta que non son equipos de balde.

Dos móbiles postos á venda o venres salienta que, no día do lanzamento, vendéronse dez unidades do Nokia 2006 classic, "son números bastante optimistas", sinala Parra, se se ten en conta que o máis vendido distribúe 45 terminais ao día e que, por ser o primeiro día, aínda non existía coñecemento por parte dos comerciais nin dos clientes.

En todo caso, R está agardando a evolución das vendas nas próximas semanas para poder facer balance sobre a campaña dos móbiles en galego. Segundo explicou Héctor Parra, o feito de ofrecer aparellos cos menús na nosa lingua debeuse, tanto por interese da propia empresa, que desenvolve toda a súa comunicación no idioma propio, como polas peticións que recibiu dos usuarios na caixa de atención ao cliente. "Sabendo desa necesidade, foi un tema ao que lle demos prioridade", explica.

Para levar a cabo a iniciativa, R contou cun grupo de persoas especializadas na tradución, sen que houbese axudas económicas externas por parte das administracións públicas. Si chegou a un compromiso cos fabricantes dos teléfonos para poder achegar a lingua aos terminais. Dende a posta en marcha do seu servizo móbil, no pasado mes de nadal, R xa acadou os 10.000 clientes e espera rematar o ano con 40.000 liñas.

A compañía, ademais de traducir os menús dos terminais, tamén dispón da posibilidade de acceder a todos os seus servizos na nosa lingua, como a consulta de facturas, a caixa de voz ou o correo electrónico. Do mesmo xeito, o seu portal móbil está en galego.


4,94/5 (18 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: