Cualificado como "histórico", o encontro pretende estabelecer un acordo destinado a prohibir o emprego, a produción, o almacenamento e o comercio destas armas.
Deitando as bombas
Co Tratado de Prohibición de Minas Ottawa, asinado en 1997, algúns países terminaron por prohibir as minas antipersoais (entre eles os EUA, a pesares de non subscribir o acordo). Naquela altura eran preto de 150 os países que estiveran presentes, e esta segunda feira, en Dublín, agardábase unha asistencia semellante, aínda que sen contar con ningún dos 57 países que rexeitaron o primeiro protocolo (entre eles, alén dos EUA, China, India, Israel, Rusia ou Arabia Saudí).
Un cento de representantes gobernamentais propúñanse conseguir o que se fixo coas minas antipersoais hai 9 anos, coas bombas en acio ou de dispersión, agora mesmo, unhas armas que violan, de moitas maneiras, os acordos humanitarios internacionais. A xuntanza debería pechar o denominado Proceso de Oslo, comezado por Noruega, Perú, México e Irlanda, e aprobar un documento legal internacionalmente vinculante, que, entre outras cousas, debería prohibir as bombas en acio e obrigar aos países que as empregasen a prestar asistencia ás vítimas e a limpar os lugares afectados.
Mais hai en Dublín opinións dispares. Están, por un lado, os intereses dos exércitos e da industria militar, que obstaculizan a aprobación dun tratado sen buracos xurídicos, e polo outro os de países como o Reino Unido, Francia ou Alemaña, que piden un período de transición de cinco a dez anos, durante os que aínda se poidan empregar estas bombas. Tamén hai posturas, como a do Estado Español, que quere que se poidan empregar, mais en países que non se adheriran ao tratado.
O Estado Español, un dos principais fabricantes destas bombas
O goberno español ten receos deste tratado, sobre todo porque nas súas fronteiras administrativas están algunhas das meirandes fábricas deste tipo de armamento (ha unha en Zaragoza e outra en Álava).
Mais, en virtude da Lei de Armas, aprobada hai pouco, o Estado Español debería cumprir o tratado, se finalmente se aproba. A xuntanza continúa até o 30 de maio.
Un millón de bombas por algures
Dende os anos setenta estas bombas empregáronse moito en conflitos como o de Cosova (1999), Afganistán (2001), Irak (2003) e o Líbano (2006). Neste último país calcúlase que pode haber un millón de bombas inactivas, lanzadas durante a guerra de Israel e os conflitos de Hesbulá, de hai dous anos.
Tal como as minas antipersoais, as bombas en acio poden ficar durante anos penduradas, e activarse en calquera momento, por días, meses ou anos que pasasen dende o seu lanzamento.