A Academia celebrará os actos centrais do Día das Letras a partir das 12.30 no Concello de Vigo. Especial de Vieiros Día das Letras.
A sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega, que cada constitúe o acto oficial de recoñecemento ao autor homenaxeado no Día das Letras, comezará ás doce e media do mediodía no Auditorio do Concello de Vigo (praza do Rei, 1). Intervirán os académicos Xosé Luís Méndez Ferrín, Víctor Freixanes e Darío Xohán Cabana, pechando o acto o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Posteriormente, ás cinco da tarde, descubrirase unha placa conmemorativa na casa onde viviu durante corenta anos Xosé María Álvarez Blázquez (Gran Vía, 180), pechando deste xeito os actos oficiais de homenaxa da Academia.
Outros actos
Tamén en Vigo os centros sociais da cidade, xunto co Foro da Mocidade convocan unha manifestación na defesa da lingua galega. Baixo o lema Na Galiza, só em galego percorrerán as rúas da Zona Vella de Vigo para reclamar o dereito a vivir en galego. A marcha comezará ás seis da tarde diante do Marco.
Pola súa banda, en Tui, onde dende hai meses estase a organizar un amplo conxunto de actividades ao redor das Letras e de Álvarez Blázquez, o 18 de maio comeza a Semana das Letras, con múltiples actividades nas que Álvarez Blázquez, tan vencellado á vila, terá un papel protagonista. Por exemplo, a editorial OQO ofrecerá aos nenos e nenas un obradoiro de plástica sobre o autor.
Na Coruña, 'Cortexo Cívico'
Os veciños da Cidade Vella da Coruña organizan por quinto ano consecutivo un 'Cortexo Cívico' que percorrerá o barrio, e no que participarán Domingos Merino, Justo Beramendi, o Mago Antón, Loretta Martin e Méndez Ferrín, entre outros. O roteiro, que o pasado ano xuntou unhas mil persoas, comezará ás 11.30 na praza de María Pita e percorrerá a Igrexa de Santiago, a rúa Afonso VIII, Capitanía, Porta de Santo André, Casa de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, Rúa da Sinagoga e, contra as dúas da tarde, a Colexiata. En cada unha das estacións deste cortexo cívico, distintos veciños da Cidade Vella presentarán a importancia dos lugares polos que discorra o percorrido, e falarán das persoas que viviron ou traballaron alí. Podes ler aquí toda a información.
Un 17 de maio de concertos
A Coruña, Santiago, Milladoiro (Ames), Burela e O Couto (Ponteceso) organizan concertos e festivais para celebrar o 17 de maio. Clica aquí para coñecer todos os detalles.