Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Israel, celebracións con 'sordina'

Os que hoxe ocupan o poder en Israel non só atentan contra os intereses dos palestinos, senón tamén contra os do seu propio pobo. Análise de Jesús A. Núñez Villaverde.

Jesús A. Núñez Villaverde - IECAH - 10:21 17/05/2008
Tags:

Toda celebración dun aniversario leva unha mirada cara a atrás que, a miúdo, esquece o presente e o futuro. O que hoxe celebra Israel, cumprindo os seus primeiros sesenta anos de existencia, non escapa a este modo de actuar. Desde hai días, anticipándose a unha celebración oficial agora esvaecida, veñen escoitando con reiteración os argumentos que destacan o triunfo que supón consolidar un Estado logo de séculos de diáspora e dun sufrimento tan brutal como o do Holocausto a mans do réxime nazi.

É obrigado dicilo: Israel é, nese sentido, unha empresa de éxito como Estado recoñecido pola maioría da comunidade internacional e con capacidade demostrada para garantir que, pola forza, nunca será derrotado polos seus veciños (nin dun nun, nin tampouco circunstancialmente aliados). Pero iso non basta nin modifica un chisco os parámetros dunha violencia que non cesa e os agoiros sobre a insostibilidade da actual aposta militarista que os seus dirixentes veñen realizando desde hai, polo menos, corenta anos.

De feito, nin sequera ese pasado trufado de heroicidades e loita contra o destino aparece libre de sombras. Seis guerras cos veciños e dúas revoltas internas (Intifadas) da poboación ocupada de Gaza, Cisxordania e Xerusalén non poden ser fitos dos que estaren orgullosos. Tampouco o pode ser o historial de incumprimentos da legalidade internacional ou a traxedia imposta a outro pobo a expensas do cumprimento dun soño longamente ansiado (e finalmente concretado da man do movemento sionista que, aínda hoxe, segue dominando a escena política israelí).

Poderosas fracturas internas
Algo debe haber de problemático nesa aventura histórica cando hoxe só 5,7 millóns de xudeus, dos aproximadamente quince que hai no planeta, foron convencidos de que Israel é o fogar nacional ao que paga a pena encamiñarse. En termos de paz- e a pesar dos máis de sesenta plans, iniciativas e negociacións contabilizados até hoxe- Israel só logrou asinar un acordo (o que non equivale en ningún caso á normalización de relacións) con Exipto e Xordania. Polo camiño foi perdendo, así mesmo, gran parte da simpatía internacional que cultivara no seu arranque, até o punto de converterse ao ollos de sociedades moi distintas, non soamente árabes ou musulmás, nunha fonte de inseguridade e inestabilidade.

Internamente tampouco logrou pechar as fendas, máis ben ao contrario, entre sefardís e askenazís (con clara discriminación dos primeiros), nin entre laicos e relixiosos (minoritarios pero con suficientes pancas de poder para seguir mantendo privilexios cada vez máis cuestionables e para chantaxear aos seus concidadáns en moitos aspectos da súa vida diaria) e, de modo máis xeral, entre ricos e pobres (por utilizar os conceptos clásicos). Israel mantense unido en gran medida pola forza da relixión e a pervivencia dun inimigo exterior común. Pero presenta unhas fracturas internas tan poderosas que non é aventurado argumentar que, se o logra, a resolución dos problemas cos seus veciños non significará o final da súa loita por conformar unha sociedade aberta e democrática.

As referencias ao presente non transmiten unha imaxe moito máis atractiva. Desde mediados da década pasada- máis concretamente, desde que a súa entón primeiro ministro, Isaac Rabin, fora asasinado en novembro de 1995 por un cidadán xudeu israelí- Israel pasou, cunha curta excepción liderada polo laborista Ehud Barak, a ser comandado por dirixentes (Netanyahu, Sharon, Olmert e, talvez mañá, novamente Netanyahu) que cren poder alcanzar os seus obxectivos estratéxicos e históricos sen ceder nada substancial a ningún dos que comparten con eles o Oriente Próximo. A forza como instrumento preferente, o temor e o medo como motor de mobilización cidadá, o apoio férreo do líder mundial e o desprezo ás leis internacionais son os elementos principais dun camiño equivocado. Un erro que non deriva dunha apreciación subxectiva do observador externo, senón dunha simple constatación da deterioración da seguridade (precisamente o factor obsesivamente manipulado polas autoridades) e dos niveis de benestar dos cidadáns israelís.

Atentan contra os intereses do seu propio pobo
Hoxe non hai ningún proceso de paz en marcha, nin sequera unha negociación ou diálogo con certa aspiración que vaia máis aló da necesidade mediática de dar a entender que hai vontade por explorar unha resolución pacífica das diferenzas. A realidade desmente diariamente esa falsa aparencia, co goteo dunha acción de forza que xera máis dor e máis sentido de desquite e a ampliación duns asentamentos totalmente ilegais que hipotecan, aínda máis se cabe, aos futuros negociadores que sucederán aos actuais gobernantes. Non nos enganemos: tamén hai incumprimentos e violencia alimentada desde o outro lado, pero iso non pode ocultar que o camiño marcado polo ocupante só conduce á máis absoluta escuridade para todos. Os que hoxe ocupan o poder en Israel non só atentan contra os intereses dos palestinos, senón tamén contra os do seu propio pobo na medida en que a súa estratexia non ofrece ningunha saída digna a unha sociedade que quere recoñecerse entre os países desenvolvidos, tolerantes e democráticos.

Con eses antecedentes e co que os propios protagonistas actuais da escena israelí proclaman cada día o futuro preséntase turbulento. A dinámica que levou até aquí dificulta até o extremo que mañá un líder e unha sociedade israelís, adestrados no temor e na forza bruta, asuman a retirada ás fronteiras de 1967, o diálogo con Hamás ou a liberación de Marwan Barguti, un dos poucos líderes palestinos con capacidade para romper a parálise que atenaza hoxe á Autoridade Palestina.

Sempre se poden atopar razóns para un brinde, pero en Israel hai que facer un forzado exercicio de autosuxestión para levantar a copa con certa alegría. Longa vida aos xudeus e aos israelís? e aos palestinos, e aos árabes, e aos musulmáns.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: