Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Flory Kayembe, rede para o desarme

"A xente está tan exposta á inseguridade no Congo que se organiza para defenderse con armas"

Unha rede traballa no Congo polo desarmamento en todos os niveis. O Canal Solidario falou co seu coordinador.

Silvia Torralba - Canal Solidario - 14:08 18/05/2008

Aínda que se asinou a paz fai 5 anos, a inestabilidade en República Democrática do Congo é tan elevada que a xente ármase para defenderse.

Sobre o papel, o conflito armado entre o exército gobernamental e varios grupos armados acabou na República Democrática do Congo hai cinco anos e hai dous anos que o país viviu as súas primeiras eleccións democráticas. Con todo, a situación non mellorou e o país vive unha das peores crises humanitarias do mundo: 45.000 persoas mortas ao mes por mor da violencia, esperanza de vida de 44 anos e máis de 800.000 desprazados durante 2007.

Un dos maiores problemas é a proliferación de armas lixeiras e a facilidade coa que, tanto as milicias como a poboación civil, poden acceder a elas. Para traballar a favor do desarmamento, 45 organizacións de todo o país colaboran na Rede Congolesa de Acción sobre as Armas Lixeiras e de Pequeno Calibre (RECAAL).

O coordinador desta plataforma é Flory Kayembe Shamba, que hai uns días visitou Barcelona invitado pola Fundació per la Pau para participar nun proxecto que quere dar a coñecer do traballo de persoas e organizacións a favor da paz en contextos de violencia. Kayembe conversou con Canal Solidario sobre o labor de RECAAL e a realidade no seu país.

As armas lixeiras son un dos problemas máis importantes que afronta nestes momentos a RDCongo?
A República Democrática do Congo fai fronteira con nove países e os nove viven conflitos, polo que é fácil que as armas pasen de man en man e crucen as fronteiras. É coma se os países veciños de España vivisen en guerra, a situación sería inestable e tamén chegarían refuxiados e desprazados. De aí a necesidade de colaborar todos para o desarmamento, a desmobilización e a integración na sociedade das persoas que forman parte de milicias e grupos armados, de parar o tráfico de armas.

Neste contexto, que fai a rede RECAAL?
Recaal é unha rede que aglutina a unhas 45 organizacións e que se centra en denunciar a realidade das armas lixeiras na RDC; cada unha destas entidades ten as súas propias actividades pero impulsan un programa de xeito conxunto no tema específico das armas lixeiras, tanto na RD Congo como en toda a rexión. Buscamos solucións, sensibilizamos e facémoslle suxestións aos políticos neste tema.

Traballamos organizadas porque pensamos que este problema é tan grande que unha soa organización non pode abarcalo soa e necesitamos cooperar a nivel nacional e internacional, para pensar e actuar xuntos. Unha das miñas tarefas como coordinador, por exemplo, é centralizar os informes de todas as partes do país onde traballan as entidades membro.

Que din eses informes?
Do leste do país, en rexións como Norte e Sur Kivu e Ituri, recibo informes que logo intentamos facerlle chegar ao goberno. Falan dos abusos de dereitos humanos que teñen lugar na zona, raptos, violencia sexual contra as mulleres, das armas que os grupos deste lugar adquiriron ou devolveron ás autoridades, da situación dos nenos soldado...

Precisamente hai tres meses, a ONU advertía do aumento de menores recrutados para convertelos en nenos soldados en RD Congo. Cal é a situación?
Despois de que se asinasen os acordos de paz hai cinco anos desmobilizose e integrouse a moitos nenos soldados, pero agora nesta zona do leste do país xurdiron novas milicias e todo complicouse, están recrutando a moitos menores. O número de nenos soldados creceu e máis ou menos chega aos 20.000 menores.

Desarmarse para avanzar no desenvolvemento
Ante esta situación, a poboación é consciente dos perigos de ter un arma e colabora no desarmamento?
Moita xente di "se non tes un arma, espérache a tumba", porque moitas veces atácanlles e se non teñen un arma mátanos. Por iso nós intentamos organizarnos para previr conflitos, para desmobilizar e reintegrar persoas que participaron en grupos armados ou milicias, recollemos armas e dámosllas ao goberno.

Pero é difícil. A poboación di que terá un arma até que o goberno poida garantir a súa seguridade. En rexións como Ituri, que fai fronteira co sur de Sudán e Uganda, a xente está moi exposta á inseguridade. Aquí organizáronse eles mesmos e desafortunadamente, para defenderse, utilizan as armas. Eles deben defenderse pero a pregunta é, de que xeito? Segundo a lei? Porque tamén é certo que as milicias chegan a moitos pobos e alá roubanlle á xente, violan os dereitos humanos, mátanos.

E de que maneira actúa o goberno para resolver esta situación?
Tras as eleccións escolleuse un novo presidente e un novo Parlamento, pero desafortunadamente moitas das persoas que o novo goberno e o parlamento elixiron para traballar polo país estiveron ligadas dun ou outro xeito ao conflito que vivira a RDCongo e usaran armas. Por iso eles agora, cando falamos da necesidade de controlar as armas, séntense atacados. Moitos teñen medo de ser xulgados no Tribunal Internacional de Xustiza, e este é un dos maiores problemas que nos atopamos.

Que relación hai entre o desarmamento e o desenvolvemento dun país?
Non hai desenvolvemento sostible sen unha seguridade sostible nin unha estabilidade, sen desarmamento. Ti podes ter un proxecto de desenvolvemento pero antes debes asegurarte de que haberá estabilidade na zona. O ideal sería impulsar iniciativas de carácter social, que permitan comer á xente, que dean estabilidade á poboación e permitan que deixen de ter as armas e se desenvolvan por eles mesmos.

En rede dentro e fóra do país

Cales son as propostas de RECAAL a curto e longo prazo para darlle a volta á situación que vive RDCongo?
A principal prioridade é o desarmamento porque sabemos que moitos civís teñen armas e iso non garante a seguridade. En segundo lugar, o goberno debería ser o encargado de promover o desarmamento e a seguridade. Ademais, o goberno debe castigar a impunidade e moitas das autoridades deberían deixar de distribuír armas entre as milicias. A Monuc -a misión da ONU na RDCongo- sabe todo isto e pódese falar de complicidade.

Cal é o papel da Monuc na protección da poboación civil?
A MONUC é só un mandato, eles non poden interferir na esfera local. Ademais, hai cousas que fan e outras que non; nós dicímoslles que hai xente que morre, que as armas están matando no noso país.

Doutra banda, como rede traballamos a nivel nacional pero tamén nos coordinamos a nivel internacional con IANSA, e na campaña Armas baixo Control. É o xeito de chegar á comunidade internacional: nós pasamos os nosos informes a IANSA e Armas baixo Control e eles, desde a súa posición, fanlle presión aos líderes políticos.

É importante que a comunidade internacional impulse unha acordo sobre comercio de armas para evitar a súa proliferación?
É moi importante que a comunidade internacional poida decidir sobre o control de armas a través dun documento internacional. Desde a sociedade civil queremos que o tratado sexa forte e incumba a todas as nacións e ás empresas fabricantes, para poder controlar as armas legais e as ilegais. O proceso está en marcha e en pouco tempo, antes de 2010, esperamos que xa funcione. Aínda así, demorarase un pouco máis porque logo cada nación deberá implementalo e, unha vez feito, deberá aplicarse desde as bases para facelo realidade. A paz é posible, só hai que facela.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: