Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AO REDOR DO 17

Axenda da Semana das Letras

Aínda que Vigo centra os actos institucionais da Real Academia, case todas as cidades e vilas do país celebrarán o 17 de maio.

Redacción - 14:57 15/05/2008

Vigo acollerá este ano os actos centrais do 17 de maio. Ás 12 do mediodía do sábado, na Casa do Concello, Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana lerán senllos discursos, presentados polo presidente da Real Academia, Xosé Ramón Barreiro. Tamén en Vigo, poderase visitar do 21 ao 25 de maio na Casa Galega da Cultura a exposición A palabra e os días, organizada pola Editorial Galaxia e a Fundación Penzol. Así mesmo, os centros sociais da cidade, xunto co Foro da Mocidade convocan unha manifestación na defesa da lingua galega. Baixo o lema Na Galiza, só em galego percorrerán as rúas da Zona Vella de Vigo para reclamar o dereito a vivir en galego. A marcha comezará ás seis da tarde diante do Marco.

Pero non serán os únicos actos. Durante toda a semana celebraranse homenaxes e presentacións en distintos lugares do país, e mesmo fóra, pois Emilio Pérez Touriño e Marisol López viaxarán a América do Sur o día 17 e aproveitarán a súa estadía en Arxentina e Brasil para celebrar as Letras coa colectividade galega residente naqueles países.

Tui

En Tui, onde dende hai meses estase a organizar un amplo conxunto de actividades ao redor das Letras e de Álvarez Blázquez, o 18 de maio comeza a Semana das Letras, con múltiples actividades nas que Álvarez Blázquez, tan vencellado á vila, terá un papel protagonista. Por exemplo, a editorial OQO ofrecerá aos nenos e nenas un obradoiro de plástica sobre o autor.

A Coruña
Na Coruña, o xoves o teatro Rosalía de Castro acolle ás 20.30 horas a Festa da Lingua, un acto festivo que será presentado por Xurxo Souto e contará coas actuacións das Cantareiras da Ardebullo (Os dous de sempre) e Xavier Díaz Sexteto. E o sábado un cortexo cívico volverá percorrer as rúas da cidade vella, honrando os veciños ilustres que traballaron pola lingua e a cultura galegas.

Ferrol

En Ferrol, o Teatro Jofre acollerá o xoves 15 un acto cívico, organizado polo Concello, asociacións culturais e veciñais, para o que se repartiron catro mil convites en toda a cidade. O acto conmemorativo será presentado e conducido polo poeta e escritor Vicente Araguas, e contará coa participación de Miro Casabella e o Real Coro Toxos e Froles na parte musical. O bailarín Jesús Quiroga porá en escena a peza Negra Sombra; e, finalmente, Henrique Rabuñal e Mauricio Castro farán senllas achegas sobre a vida e obra de Álvarez Blázquez e Ricardo Carvalho Calero, facendo deste xeito unha reivindicación para a inclusión do escritor e lingüista ferrolán na relación de homenaxeados co gallo do Día das Letras Galegas.

Santiago de Compostela
En Compostela, o C.S. Gentalha do Pichel organiza unha serie de actividades na semana das letras, entre as que destaca, o 16 de maio, un roteiro polo 'mundo editorial do nacionalismo no primeiro terzo do século XX' e o 17, na Alameda, a xa tradicional Festa do Dezassete, que chega á súa quinta edición cos concertos de Sacha na Horta, Ataque Escampe e The Homens.

Así mesmo, na praza de Cervantes dende o luns 12 se están a desenvolver actividades para promover o hábito da lectura entre os máis pequenos. O venres 16 iniciarase a exposición e venda de libros en galego nas rúas e prazas da cidade, e presentarase o especial Letras Galegas da Revista Retranca, ao tempo que Carlos Negro dirixe un obradoiro de poesía na praza de Cervantes.

O xoves 15 en Compostela, o sábado 17 en Betanzos e o venres 23 en Brión a poeta Eva Veiga presentará o seu espectáculo Camiños do Sol, unha escolma persoal sobre a obra de Álvarez Blázquez. Acompañada pola frauta de Fito Ares e o clarinete e a percusión de Bernardo Martínez, Eva Veiga recitará e cantará obras do Cancionero de Monfero, de Roseira do teu Mencer e de Canle Segredo.

Outros concellos
En Teo, o Mércores 14 de maio o salón de actos do Colexio da Ramallosa acollerá un Acto literario musical ao redor do día das letras galegas. Así mesmo, o Sábado 17 ás 18.00 h no auditorio da Asoc. Rosalía de Castro Anxo Angueira e Leo F. Campos ofrecerán un recital poético-musical. E en Maceda, a Asociación Xuvenil O Pipote organiza un 'troco de libros' (ás 10 horas) e unha proxección de curtas galegas (ás 19 horas).

Actividades intitucionais
A Consellaría de Cultura preparou para esta semana un bo número de actividades, publicacións e espazos web para dar difusión á obra e traballo de Álvarez Blázquez. Destaca pola densidade dos seus contidos a web 17demaio.org, e tamén publica un número especial a revista Praza das Letras, que dedica as súas páxinas centrais a analizar a vida e obra do autor. Desta publicación edítanse 30.000 exemplares que se distribuirán en librerías, bibliotecas, colexios e feiras do libro.

Ademais, o programa Letras Vivas, que achega a colexios, concellos e asociacións actividades de animación á lectura e obradoiros, organizará esta semana das letras unha programación especial, cunha trintena de actividades en Santiago, A Coruña, Lugo, Moaña, A Mezquita, Meis, Ribadavia, Vilasantar, Cerdido, Redondela, Catoira, Fene, Poio, Xermade, Brión, A Guarda, Vilalba, O Rosal, Cambre, Dodro, Covelo, Ribeira, Quiroga, Ponteareas e Carral. Así mesmo, continúa o programa Palabra na Solaina, co que a Consellaría quere achegar os autores galegos aos visitantes que se aloxan en casas rurais e hoteis do país. Neste ano de Álvarez Blázquez distribuíronse libros da súa autoría e sobre a súa figura en 24 establecementos turísticos do Baixo Miño, de onde el era natural.

Así mesmo, o Consello da Cultura Galega preparou unha edición facsímile do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz, a partir do facsímile dese texto impreso e editado en 1951 pola editorial Monterrey, dirixida por Xosé María Álvarez Blázquez.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Teatro Jofre de Ferrol e o Rosalía da Coruña acollerán senllos actos
O Teatro Jofre de Ferrol e o Rosalía da Coruña acollerán senllos actos