Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BLOGS E WEBS

O Día das Letras, na rede

Podemos atopar páxinas especiais nas webs dos centros escolares e mesmo un xogo interactivo de preguntas e respostas sobre o autor homenaxeado.

Redacción - 14:30 15/05/2008

Destaca pola densidade dos seus contidos a web 17demaio.org, que ofrece unha sección dedicada ao escritor, outra ao editor, outra ao articulista e cronista, e unha máis ao investigador e arqueólogo, ademais dunha cronobiografía, unha galería de imaxes e unha bibliografía e directorio de recursos en Internet sobre Álvarez Blázquez. A web tamén conta cun apartado sobre as diferentes xeracións a súa familia e outro sobre os momentos convulsos na historia da Galiza que viviu. Complétase cunha sección chamada "Falares" con referencias doutros escritores á súa persoa e á súa obra. Tamén cómpre ler os contidos publicados na web Praza das Letras, dedicados aos distintos ámbitos nos que Álvarez Blázquez traballou no mundo das letras.

De igual xeito, a Real Academia dedica unha páxina ao escritor. O texto é de Darío Xohán Cabana e fai referencia á biografía, obra literaria, ao erudito galeguista, ao editor, e reúne a súa bibliografía esencial, así como fotos e imaxes. Así mesmo, na súa páxina web Celso Álvarez Cáccamo publica unha extensa reportaxe fotográfica e reúne moreas de materiais, dende documentos sonoros a citas xornalísticas, resultando un compendio amplo, profundo e preciso sobre a vida e a obra de Xosé María Álvarez Blázquez, feita desde o respecto e admiración dun fillo.

Álvarez Blázquez nos blogs
Na rede hai imaxinación a eito, e nas últimas semanas moitos blogueiros e internautas escolleron o Día das Letras e a Álvarez Blázquez como tema central. Por exemplo, hai quen pide un día das letras bilingüe, cun recoñecemento para Marta Rivera de la Cruz. E coa mesma retranca, a revista homónima dedica o seu número de maio á organización defensora da lingua española.

Marcos Valcárcel achegouse ao Día das Letras en varias ocasións nas últimas semanas, e tamén o fixo Leo F. Campos que salienta os heterónimos utilizados polo homenaxeado. Tamén en Corublogs falan das letras, O día das letras e a súa puñetera mai. Outros blogs que trataron o tema foron Ourizos e Chicaros ou Arqueovigo, que nomea a Álvarez Blázquez "o primeiro arquéologo" da cidade. O 17 de maio é tamén o Día Mundial de Internet, razón de máis para publicar unha escolma de recursos web sobre o Día das Letras e Álvarez Blázquez.

É moi importante o traballo realizado polos blogs e páxinas de colexios, institutos e bibliotecas escolares. Neles podemos atopar, por exemplo, un webquest de Álvarez Blázquez desenvolvida polos blogs O segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Mesmo pódese xogar a comprobar os nosos coñecementos sobre Xosé María Álvarez Blázquez, nun xogo de preguntas e respostas elaborado por Antón Vicente. O Seminario de formación permanente do profesorado do CEIP Galán publica unha páxina sobre a vida e obra do homenaxeado, recollida de xeito moi didáctico. Así mesmo, os alumnos de Educación Infantil de 5 anos do CEIP "Emilia Pardo Bazán" colgaron no seu blog un poema de Álvarez Blázquez (O año pitaño), lido por eles.

Finalmente, en Salceda de Caselas organízase un certame de 'Poesía no móbil'. Co fin de potenciar o uso do galego nas novas tecnoloxías da información e comunicación e para rendir unha homenaxe á figura do escritor Xosé Mª Álvarez Blázquez, xurde esta iniciativa que consiste en adaptar un poema do escritor homenaxeado este ano a unha mensaxe de texto do móbil.

Outros espazos web escolares con contidos sobre Álvarez Blázquez:
IES Pintor Colmeiro
Colexio de Quintela en Moaña
IES de Teis
CEIP Fermín Bouza Brey
CPI don Aurelio
CEIP Arealonga
EEI Monte da Guía de Vigo
Melide na prensa
Biblioteca do IES Río Miño
Un rato na biblioteca
C.E.I.P.Mestre Martínez Alonso de Mos
CPI de Mondariz
IES As Telleiras
CPI San Vicente da Baña
Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quintela-Moaña
C.E.I.P. San Roque de Vilanova de Arousa
CEIP Fermín Bouza Brey


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: