O Concello do Porriño editou o DVD 'Palabras liberadas', no que se inclúen poemas musicados en estilos diversos: dende o rock, ao hip-hop, pasando pola música electrónica.
Eloi Caldeiro
Iniciativa semellante á de Sons Galiza é a realizada polo Concello de Porriño, en colaboración coa Consellaría de Cultura coas súas 'Letras Liberadas'. Un DVD achéganos os textos de Álvarez Blázquez na voz de Manuel Forcadela, Luz Pozo, Román Raña, Xavier R. Baixeras, Xavier Seoane, Marga do Val ou Manuel Vilanova, liberando as letras, sacándoas fóra do papel e dos libros e levándoas á xente noutros formatos e soportes.
Os poetas len a Álvarez Blázquez e len textos propios, e no DVD escoitamos tamén a voz do propio homenaxeado, nunha gravación de 1968 no programa 'Poetas de Galicia' de RNE.
O DVD tamén ten música, e ese é quizais o seu principal valor, a parte máis orixinal da iniciativa da Biblioteca do Concello do Porriño. En 1969 a Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural da vila gravou unha versión musicada do poema Era un airiño soave, versión que encabeza a parte musical do DVD. Está tamén Uxía, acompañada de Héctor Lorenzo e Quim Farinha, que canta a mesma canción, un tema que -confesa- constoulle máis ca ningún outro, pois Uxía, que pertenceu á Coral, tivo que cantar moitas veces a versión orixinal do tema.
E no DVD inclúense outros moitos estilos, nos que a poesía de Álvarez Blázquez encaixa sorprendentemente ben. A banda de pop-rock El Cubo fai unha versión de Ao ver que non tiñas nome, un tema que tamén é interpretado en clave de hip-hop por Kedro e DJ.Kiko. O disco péchase cun achegamento á música electrónica, realizado por Marcos Legazpi, Jazzp e Marta Quintana, sobre os textos e a propia voz de Álvarez Blázquez.
Cancións