O responsábel de Banca Virtual de Caixa Galicia, Marcelino Fernández Mallo, salienta as múltiples aplicacións dunha tecnoloxía que non existía na nosa lingua.
Caixa Galicia acaba de poñer en marcha o primeiro sistema de conversión de texto en voz en galego no seu servizo de banca telefónica. O desenvolvemento tamén contará cunha ferramenta de recoñecemento de voz que se irá implantando nos vindeiros meses de xeito experimental.
Segundo explicou o director de Banca Virtual da caixa, Marcelino Fernández Mallo, cando a empresa quixo implantar o servizo de atención automatizado mediante linguaxe natural, hai xa tres anos, "atopouse con que non existía ningunha aplicación na nosa lingua, aínda que si en castelán e catalán. Por iso, comezou o desenvolvemento desta tecnoloxía en galego".
O sistema TTS (text to speech, texto a fala), que converte directamente textos en voz, xa está implantado no servizo e permite ofrecer información útil ao momento, "sen ter que pasar polo proceso de gravación da mensaxe por parte dun locutor e despois a dixitalización". A outra parte do proxecto, o ASR (automatic speech recognition, recoñecemento automático de fala), comezarase a implantar nunha porcentaxe de chamadas da banca telefónica e "en setembro xa estará en todas as opcións". Até entón, "haino que afinar, poarque é unha amplicación moi complicada e sempre se producen erros".
Fernández Mallo salientou a importancia do desenvolvemento desta tecnoloxía na nosa lingua: "Estamos moi contentos. Creo que é unha contribución relevante que unha empresa galega dea ese paso e que agardase a poñelo en marcha até ter a versión en galego". Tamén explicou que a súa potencialidade vai moito máis alá da banca telefónica e pódese empregar en servizos de información á cidadanía, webs, portais de voz, GPS...
O programa contou co apoio da empresa tecnolóxica Tecnocom, a compañía especializada en servizos telefónicos Loquendo, as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, o Instituto da Lingua Galega e a Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+i.