"Se non sabes, vota non", piden os críticos coa euroconstitución.
A poucas semanas do referendo no que se decidirá se a chamada ‘euroconstitución’, o tratado de Lisboa divide os irlandeses, mais non tanto entre os pro ou en contra, senón entre unha minoría de ben-informados e unha maioría des- ou mis-informada.
Segundo a última enquisa publicada polo Sunday Business Post, o ‘SI’ pode que gañe (e tan só ‘pode’), pero dependerá do nivel de participación. A menos dun mes do referendo, un terzo dos votantes está sen decidir se o tratado de Lisboa é bo ou non para o país.
Os dous millóns de guías sobre o Tratado de Lisboa distribuídas polo goberno nos fogares irlandeses, parecen non ter sido clarificadoras dabondo, ou foron abandonadas na caixa de correos na pila da propaganda. Cinco millóns de euros máis tarde, as enquisas seguen a demostrar que a maior pega que os irlandeses lle ven ao tratado é simple e concisa: o 62% non entenden en absoluto de que vai a historia (só un 5% din entender ben o tratado).
E a desinformación é un voto de confianza para os que apoian o ‘Non’, co slogan convincente de ‘se non sabes, vota non’.
Mentres que o partido gobernante Fianna Fail e os seus co-gobernantes Verdes; e a oposición Fine Gael e Labor apoian o tratado, o Sinn Fein oponse a euroconstitución, xunto cunha selección diversa de grupos dedicados especificamente a promover o ‘Non’. Os sindicatos parecen tamén estar divididos no tema do tratado.
Sen embargo, as matemáticas pode que non sexan tan sinxelas, xa que unha base importante de Fianna Fail, os granxeiros, mobilizábanse hai uns dias para reclamar o compromiso do goberno en protexer o sector agrícola irlandés en Europa, a cambio dun voto favorábel ao Tratado de Lisboa.
Algunhas preocupacións que soan con forza – con ou sen fundamento:
-Valores morais:
O medo a que Europa poida chegar a impoñer decisións en temas controvertidos como a prostitución, eutanasia, drogas, inmigración, o aborto e a familia, ‘corrompendo’ valores morais da sociedade irlandesa e ignorando decisións tomadas polo seu parlamento.
-As famosas Corporation Taxes (impostos a empresas ou corporacións):
Son os máis baixos de Europa e nai da economía do Tigre Celta - teñen atraido empresas multinacionais ao país. (O goberno desmentiu que o tratado vaia afectar o seu sistema de impostos.)
-Soberanía:
Nun pais tradicionalmente neutral (a pesares de ter permitido o uso do aeroporto de Shannon por parte do exército dos EUA), os irlandeses temen verse involucrados en conflitos alleos, en nome da Europa unida.
-Na opinión de Mary Lou McDonald, representante parlamentaria do Sinn Fein, o tratado danará os dereitos dos traballadores "reducindo salarios e condicións dos traballadores en todo o territorio europeo, particularmente aqueles salarios mais baixos". Déficit democrático, a posíbel privatización de servizos públicos e compromiso das relacións internacionais son outros dos problemas que o Sinn Fein ve na ‘euroconstitución’.
Por outra banda, os membros fundadores de Libertas, o grupo formado para opoñérense ao tratado, parecen ser ‘euroescépticos’ con algunha que outra relación comercial co sector militar dos EUA. Tense especulado nos foros políticos, se o interese anti-tratado de Libertas é simplemente unha manobra para protexer os intereses dos negocios dos seus fundadores nos EUA.
Pola súa parte, o novo Taoiseach, Brian Cowen, pide o apoio dos votantes, como era de esperar, e promete "suficiente información, independentemente verificada" para o país e con suficiente antelación. A mensaxe: preparen os seus "deberes" e vaian votar o dia 12 de xuño.