Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FILMINHO'08

Creadores na beira do Miño

O festival de cinema galego e portugués que se celebrará en Tomiño e Vilanova de Cerveira en xullo inclúe un foro para autores.

Redacción - 09:55 13/05/2008

O Fórum de creadores quere ser unha plataforma que impulse o talento e a creatividade audiovisual en ambas as dúas beiras da raia, apoiando de xeito particular os novos creadores no uso de estratexias de produción con poucos recursos. Os proxectos poden enviarse a través da propia páxina do festival até o 10 de xuño.

Entre as candidaturas seleccionaranse dez, que serán presentadas ao público na mañá do sábado 26 de xullo. Un xurado seleccionará catro propostas ás que se lle fará o convite para filmar. As axudas consistirán en 2.000 euros para a produción e a colaboración estreita cun produtor para así conseguir máis apoios para o proxecto e preservar as ideas do creador. Os únicos requisitos para os autores son que a obra estea relacionada con contextos, escenarios ou asuntos propios da rexión fronteiriza (as comarcas do Miño), respectar o sistema lingüístico galego-portugués e que o filme estea ultimado para a estrea no Filminho 2009.

A primeira edición do festival terá lugar entre o 22 ao 27 de xullo, en dous espazos: no Auditorio Municipal de Cerveira, ao aire libre; e no auditorio de Goián, en Tomiño, a cuberto. Filminho conta con dúas seccións competitivas: o Grande Premio e o Cinema Minhoto e tamén acollerá a iniciativa Conta onde vives, un proxecto ligado a Ponte nas ondas, e organizado pola asociación transfronteiriza Morraceira co apoio do Colexio de Arquitectos de Galicia. Finalmente, o certame incorpora un curso de verán organizado pola Universidade de Santiago, Reflexións sobre o audiovisual galego e portugués, coordinado polo profesor Carlos Quiroga.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: