Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O MELLOR DO ANO

Murado, Beramendi, Borrazás. Quessada e 'Ouvirmos', premios da Crítica

O xurado tomou a decisión na localidade de Mondariz

Redacción - 18:35 12/05/2008

Miguel Anxo Murado, Xusto Beramendi, Xurxo Borrazás, Xaime Quessada, a editorial 'Ouvirmos' e o Arquivo do Reino de Galicia foron elixidos gañadores da trixésimo primeira edición dos 'Premios da Crítica de Galicia', nas súas seis categorías: creación literaria, música, ensaio e pensamento, ciencias e artes de representación, investigación e iniciativas culturais.

O soño da febre
de Miguel Anxo Murado resultou merecedor do galardón polo seu "universalismo vivenciado, a integración dos relatos curtos e a eficacia dun recurso onírico que non rompe cos espazos coñecidos"; mentres que a obra De provincia a nación. Historia do galeguismo político, de Xusto Beramendi, destacou polo seu "pormenorizado estudo da traxectoria do galeguismo político e a proxección e transcendencia da achega do autor".

O ensaio Arte e parte. Dos patriarcas á arte suicida, de Xurxo Borrazás, foi valorado pola "profundidade do autor, a súa gran madurez intelectual e os seus enfoques orixinais"; mentres que o "inequívoco posicionamento ético e estético" do pintor ourensán Xaime Quessada valeulle para conseguir este recoñecemento.

En canto á colección A tiracolo da editorial Ouvirmos, o seu principal mérito foi a "novidade da formulación editorial desde o punto de vista discográfico, a posta en valor da historia musical galega e a recuperación do patrimonio musical"; e o Arquivo do Reino de Galicia foi premiado pola súa "importante renovación" e por "o seu traballo de difusión dos fondos documentais galegos".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: