A coalición do presidente Tadic aproximouse ao 39% dos votos.
Os comicios foron convocados de xeito anticipado ante o desacordo entre os socios da coalición gobernamental sobre a relación da proclamación da independencia de Cosova co proceso de achegamento de Serbia á Unión Europea. Serbia, que dende a derrota de Slobodan Milosevic, parecía unida polas arelas de ingresar na UE, partiuse en dúas ante o apoio de moitos países europeos á independencia de Cosova, a pesares da forte oposición de Belgrado.
Aínda que a maior parte dos serbios aínda desexan o ingreso na UE, moitos consideran inaceptábel condicionalo ao recoñecemento de Cosova, e temen que esta poida ser unha esixencia no futuro. Os analistas consideran que estas eleccións son tan decisivas como as do 2000, cando comezou o derrocamento de Milosevic.
Unhas eleccións sobre as que planea a crise de Cosova
A polarización do electorado ante a situación de Cosova quedou patente xa nas eleccións presidenciais do pasado 3 de febreiro, nas que se impuxo Tadic por unha estreita marxe fronte ao "radical" Nikolic.
O goberno do primeiro ministro Vojieslav Kostunica, xunto co DS de Tadic, tiña entre as dúas prioridades a preservación de Cosova e o ingreso na UE. Agora Kostunica, líder do Partido Democrático de Serbia (DSS), converteuse nun implacábel crítico da UE, á que lle esixe que confirme sen ambigüidades a integridade territorial de Serbia -con Cosova- se desexa o país na familia europea.