As vendas do videoxogo de Take-Two Interactive xa bateron as marcas na súa categoría e ameazan con superar a recadación do filme máis visto da historia.
Carátula do videoxogo
O videoxogo Grand Theft Auto IV, máis coñecido como GTA IV, xa se converteu no máis vendido na súa primeira semana no mercado. Superou seis millóns de copias, o que equivale a máis de 500 millóns de dólares, segundo o seu fabricante, Take-Two. Deste xeito, supera a marca que ostentaba até agora Halo 3, de Microsoft.
Take-Two afirma que só no primeiro día se vendero 3,6 millóns de copias do videoxogo en todo o mundo, cun valor de 310 millóns de dólares, case o dobre do recadado por Halo 3 no mesmo tempo. O agardado GTA IV saíu á venda o 29 de abril despois de seis meses de atraso por problemas técnicos. Diante dos comercios estadounidenses formáronse longas ringleiras, e mesmo algunhas tendas abriron de madrugada.
Segundo os expertos, GTA IV xa é todo un fenómeno, non só dos videoxogos senón do mundo do lecer en xeral, e espérase que nun ano se vendan entre 11 e 13 millóns de exemplares, que a 60 dólares a unidade superarán amplamente o diñeiro recadado polo filme Titanic nos EUA, 600 millóns de dólares.
A saga GTA converteuse nun éxito a pesar da polémica xurdida polos seus contidos violentos. O protagonista é un criminal de Europa do Leste que trafica con drogas, mata policías e maltrata prostitutas. Ademais, unha das novidades da nova versión é que pode conducir borracho, polo que xa houbo protestas de asociacións estadounidenses.