Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Freado o cambio na comisión

A bilateralidade Xunta-Estado terá que agardar por "mellores circunstancias políticas"

O PP oponse á proposta do vicepresidente e o PSdeG nin sequera acudiu á reunión.

Redacción - 09:00 09/05/2008

Malia a posición de socialistas e populares, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sostivo este xoves que a proposta para a reforma da comisión bilateral Xunta-goberno español é "lexítima e irrenunciábel" e insistiu en que lla presentará "no seu momento" á ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, quen esta mesma semana xa se pronunciou en contra das modificacións propostas.

Quintana dixo entender que non sexa unha cuestión "prioritaria" para o executivo de José Luis Rodríguez Zapatero, pero advertiu de que agardará o "momento político axeitado", para tratar de negociala. "En Madrid cambian moi doadamente do non ao si e viceversa", ironizou o vicepresidente, que considera que a modificación nas "circunstancias políticas" poderá facilitar que a medio prazo saia adiante esta iniciativa. Recordou ao fío o desbloqueo dun paquete competencial cando hai uns meses foran necesarios os votos dos deputados do BNG para evitar a petición de cesamento da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez.

Por outra parte, Anxo Quintana explicou que para afrontar a modificación non é necesario nin un acordo parlamentario nin dos gobernos español ou galego, polo que asegurou que a reforma non interferiría "nin perturbaría" as actuais relacións nin os traspasos pendentes. Así, reiterou que lograr unha relación "de ti a ti" co goberno español "é a esencia do autogoberno". "Aínda non lle escoitei a ninguén dicir que iso sexa malo para Galiza", insistiu.

Quintana laiouse de que o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, non acudise á xuntanza, e agradeceu a participación do PPdeG, destacando a proposta realizada por esta formación para afondar nas posibilidades de que a comisión reformada faga un seguimento das infraestruturas. Ao respecto, o voceiro parlamentario do PP, Manuel Ruiz Rivas, expresou ante os medios o seu rexeitamento á proposta global, e subliñou a posición contraria do seu grupo sobre a posibilidade de que a comisión aborde o financiamento autonómico, porque prevé que, "de ser así, será prexudicial para Galiza".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: