O libro, que se presenta na súa versión orixinal, foi editado no 2005 no Brasil, mais aínda non chegou a Portugal.
Edicións Positivas prepara o lanzamento de Cantáteis. Cantos elegíacos de amozade, o poemario publicado polo músico brasileiro Chico César en 2005. Publícase en Galiza antes que en Portugal, onde até o momento ningunha editorial se decidiu a facerse cargo da obra. Aparece ademais coas ilustracións orixinais, realizadas por João Sánchez. E faino no seu brasileiro orixinal, mais en edición galega normativa ILG-RAG (capa e lapelas).
Non será este o último libro que Positivas publique en portugués. Na actualidade Francisco Macías, director da editorial, prepara dúas obras do brasileiro Rubém Fonseca e do mozambicano Mia Couto, que estarán na rúa nuns meses. E quere facelo "con normalidade", sen que teña que ser visto como un acontecemento, nin que iso oculte o contido do propio libro. Macías aposta por abrir un debate no mundo editorial galego para comezar a publicar obras en portugués, evitando que Galiza continúe deixando fuxir a oportunidade que lle brinda a súa conexión co mundo lusófono e o seu mercado.
A amozade da que fala Chico César no seu libro é un neoloxismo froito da unión de amor e amizade, e describe a súa relación con moitas persoas nos anos que pasou en Sao Paulo na década dos oitenta e noventa, contada a través dunha musa real, amiga do autor, chamada Tata Fernándes. É, polo tanto, un canto elegíaco a unha cidade, a unha cidade muller, ás mulleres que representan unha cidade, "uma representação de um tipo de mulher de São Paulo. Urbana, letrada, combativa, independente, freqüentadora dos círculos intelectuais alternativos, das rodas artísticas".
Na obra Chico César mestura elementos da sua propia experiencia, da vida cotiá, con referencias eruditas, da filosofia á política, e da cultura popular, do cinema, do pop, e da comunicación de masas. Mestura polo tanto a tradición da literatura máis popular, cun gran sentido do ritmo que converte aos poemas en case-cancións, con influencias formais declaradas de Huidobro, Dante, Ezra Pound ou João Cabral de Melo Neto.
127
páginas finais cantáteis
as prosápias versáteis
os tremeliques ferrenhos
os trancelins advenhos
a reportagem do mim
história do amor sen fim
serafins e clarinetas
grutas gritos grotas gretas
é o amor uma renda?
profunda infinda fenda
vaca de divinas tetas?