Vicepresidencia envioulle unha misiva aos rexedores que tildaran de “chantaxe” os convenios para as escolas infantís.
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, revelou este mércores que o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, enviou o pasado luns unha carta a alcaldes de oito municipios gobernados polos conservadores na que dan por rematados os convenios subscritos co Consorcio Galego de Servizos Sociais. Na misiva, que lle chegou aos rexedores de Antas do Ulla, Lousame, Vilamartín de Valdeorras, As Neves, Muíños, O Pino, O Rosal e Riós, considera que as fortes críticas que estes munícipes dirixiron a semana pasada contra o modelo consorciado invalidan o acordo. Os alcaldes, que asinaran o documento coa Xunta, consideraban que non se lles deixaba outra alternativa e tildaron de "chantaxe" as políticas de Vicepresidencia.
Na carta, Quintana mostra o seu desagrado polas declaracións dos rexedores (que incluso chegaron a comparar coa “mafia siciliana” o comportamento de Vicepresidencia). Logo de criticar “as cualificiacións insultantes que a min non se me ocorrerían en ningún caso utilizar contigo”, Quintana defende o seu modelo de relación institucional que “intenta establecer novos modelos que superen as dependencias e tutelas do pasado”. Dito isto, o vicepresidente subliña que, vistas as declaracións nos medios, considera que os alcaldes se desvinculan dos acordos asinados no mes de abril.
Como alternativa, Quintana oferécelle aos alcaldes a posibilidade de volver ao modelo da anterior Xunta: “tes o meu compromiso de que darei instrucións para que o montante global das axudas a recibir dende este departamento teñan como referencia o percibido polo teu concello para mantemento de programas de servizos sociais e de educación infantil do ano 2005, máis as actualizacións de incremento de prezos dende entón”.
Rueda acusa a Quintana de non permitir “discrepar democraticamente”
Alfonso Rueda aproveitou a carta para acusar ao vicepresidente de funcionar “a base de avisos a navegantes” e pediu que manteña o dereito dos alcaldes a “discrepar democraticamente”. Segundo Rueda, os alcaldes subscribiron o convenio pero tamén quixeron expresar publicamente que podía haber outros xeitos de colaboración en materia de políticas sociais. Os conservadores, que xa anunciaron que ían levar o asunto ao Parlamento, consideran que a actitude de Quintana se debe a unha “quenta”