O Concello de Lalín acolle as xornadas de debate 'A Reforma da Administración Local: cara a uns concellos eficientes e viábeis'.
A Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e o Concello de Lalín organizan os días 19, 20 e 21 de maio as xornadas de debate A Reforma da Administración Local: cara a uns concellos eficientes e viábeis, que inaugura o ciclo de cursos de verán da institución académica.
Xosé Luís Barreiro Rivas, delegado da UIMP en Galiza, xunto con Xosé Crespo, alcalde da capital do Deza, e mais Román Rodríguez, director do encontro e concelleiro en Lalín, presentaron este luns en Compostela o programa das xornadas.
Os tres coincidiron na necesidade de abordar canto antes o proceso de reforma territorial, xa que aínda que o problema está diagnosticado no discurso oficial, non hai pasos firmes para poñerlle cura.
"Os intentos substitutivos están a fallar"
Neste senso, Barreiro sinalou que é un "erro dos galegos" pensar que se trata dunha cuestión "esencialmente política", cando tamén o é cidadá ou empresarial, entre outras. Xa que logo, e dado "que ninguén é obxectivo cando fala da súa propia institución", a reforma da organización territorial debería vir "dende abaixo cara a riba".
Unha reforma que "vai suceder", "porque o cidadán xa vive por riba da demarcación municipal" (vive en Pontecesures e traballa en Padrón, por exemplo). "Depende de nós que suceda ordenadamente ou desordenadamente", engadiu Barreiro Rivas.
Por último, sinalou que "os intentos substitutivos" propostos até o de agora "están a fallar", e apuntou que a Administración local funcionará sempre e cando "os cidadáns elixan os seus representantes" (non como ocorre no caso actual das mancomunidades); "haxa recursos para as competencias", e "a cidadanía tome conciencia" da supramunicipalidade.
'Pasadiña' á Administración local
Pola súa banda, Xosé Crespo declarou que ao inicio da súa etapa como presidente da Fegamp presentara o proxecto da fusión de concellos -baseado nun estudo universitario- para unha mellor eficiencia e viabilidade do servizo que estes ofrecen aos cidadáns, aínda que matizou que non era "innovador" porque xa se deu hai décadas noutros lugares como o Reino Unido, Alemaña ou Holanda.
Porén, "algúns alcaldes non querían nin oír falar do tema" -dixo Crespo- "polo que estivo estes cinco anos en repouso". O alcalde lalinense sinalou que "tras tres décadas de democracia cómpre darlle unha pasadiña á Administración local". "Houbo unha primeira grande descentralización do Estado ás Autonomías; agora falta unha segunda destas aos concellos", engadiu.
Xosé Crespo recoñeceu que "hai alcaldes que pensan que o seu concello é unha leira que ninguén pode tocar", mais tamén considerou que "ás Administracións autonómicas lles custa desprenderse de competencias que poderían estar mellor xestionadas polos concellos".
Polémica Fegamp-Xunta
Preguntado pola recente polémica entre a Fegamp e a Xunta, Crespo sinalou que "o Pacto Local non está ben definido", polo que xorden este tipo de situacións "que se producen con diversas áreas do Goberno, non só coas xestionadas por un determinado grupo político". De todos os xeitos, queixouse de que "os concellos sempre fomos a cinsenta das administracións", e que en determinados casos "se lexisla para nós, sen contar con nós".
Por último, Román Rodríguez afirmou que "hai que comezar a actuar antes de que o edificio de Galiza caia, de xeito que cómpre introducir medidas correctoras nas estruturas territoriais", elaboradas en 1833, e que non se axustan a realidade actual do país.