Un festival de cinema que nace co obxectivo de amosar e potenciar a produción audiovisual de Galiza e Portugal.
A fronteira entre Galiza e Portugal é coma un río, que avanza e retrocede, nas enchentes e nas secas, afastando e achegando aos dous pobos. E de certo é un río, o Miño, quen traza ese límite en boa parte, facendo física e visíbel a barreira mental que parte en dous a unidade lingüistica no noroeste peninsular. Goian e Vilanova de Cerveira ben poderían ser os dous nomes para chamarlle a unha mesma vila, bilingüísmo harmónico marcado polo río.
E este verán acollerán a medias este festival de cinema que nace co obxectivo de amosar e potenciar a produción audiovisual de ambos os dous países, mais tamén coa intención de tender pontes entre as dúas beiras, non de formigón, senón de celuloide. Será do 22 ao 27 de xullo, no Auditorio Municipal de Cerveira, ao aire libre; e no auditorio de Goián, en Tomiño, a cuberto.
Filminho conta con dúas seccións competitivas: o Grande Premio e o Cinema Minhoto. A primeira está aberta a todo o audiovisual galego e portugués, en canto que a segunda categoria está centrada no cinema miñoto, ben porque o tome como tema das súas producións, ou ben porque as imaxes fosen tiradas nas comarcas do Miño.
Tamén acollerá a iniciativa Conta onde vives, un proxecto ligado a Ponte nas ondas, e organizado pola asociación transfronteiriza Morraceira co apoio do Colexio de Arquitectos de Galicia. O obxectivo é que os rapaces de ambos os dous países envíen vídeos nos que literalmente amosen como é o lugar no que viven. Os traballos que se reciban amosaranse nunha das sesións do festival.
Curso de verán e Fórum de Criadores
O festival incorpora, en paralelo, un curso de verán organizado pola Universidade de Santiago, Reflexións sobre o audiovisual galego e portugués. As aulas están coordinadas polo profesor da USC Carlos Quiroga e tratarán as relacións e interaccións existentes entre o cinema realizado ao norte e ao sur do Miño. Farano a través das propias actividades do Filminho, cuxo obxectivo principal é fomentar as relacións entre a imaxe galega e a portuguesa.
As actividades complementarias finalizan cun Fórum de Criadores, co que se pretende fomentar a realización de filmes no Miño, a través da selección de novos proxectos, aos que se apoiará económicamente, loxisticamente e máis poñéndoos en contacto cun produtor.