Os Campionatos de Europa, que se han desenvolver entre o 15 e o 18 de maio en Milán, han xuntar aos mellores piragüistas continentais, entre eles Cal, Molanes, Portela, Mascato ou Bea.
Á listaxe de seleccionados pola Federación Española, Galiza aporta nove palistas, polos catro de Asturias, os dous de Cataluña, outros dous de Castela e León e un que aporta Andalucía.
No vindeiro torneo continental, a desenvolver en Milán do 15 ao 18 de maio, van estar Alfredo Bea, David Mascato, Carlos Pérez, Jovino González, Teresa Portela, Sonia Molanes, David Cal, Miguel Rodríguez e André Oliveira. Todos eles, excepto Cal, procuran, alén da medalla dourada, unha praza nos Xogos Olímpicos de Beixín 2008 (hai dez a repartir).
O combinado participa en K-2 500 e 1.000 metros, mais, aínda que conseguisen a clasificación as dúas embarcacións que participan (nunha delas vai Carlos Pérez, acompañado do catalán Saúl Craviotto), só hai praza para unha. O mesmo acontece nas categorías de K-1 500 metros (onde compite Jovino González) e K-1 1.000 metros, e na C-2 500 e 1.000 metros (onde participan Bea e Mascato, e Miguel Rodríguez e André Oliveira).
Remando en Castrelo de Miño
Esta cuarta feira comeza o III Campionato Estatal Universitario de Remo, organizado polo servizo de Deportes da Universidade de Vigo e o Club Náutico de Castrelo de Miño, en colaboración coa Federación Galega de Remo e o concello ourensán. Hanse xuntar uns 130 deportistas de 20 universidades distintas.