Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DISTINCIÓN DA FUNDACIÓN OTERO PEDRAYO

A bibliotecaria ourensá Olga Gallego, Premio Trasalba

É a segunda vez que unha muller recibe a distinción, que recoñece o labor galeguista realizado pola documentalista durante as últimas cinco décadas.

Redacción - 18:25 29/04/2008
Olga Gallego

Olga Gallego

O Premio Trasalba, co que todos os anos a Fundación Otero Pedrayo recoñece a traxectoria galeguista dunha persoa ou entidade, premiará á bibliotecaria ourensá Olga Gallego, que recibirá o premio o 29 de xuño en Amoeiro. Nacida en 1928, leva máis de cinco décadas realizando un importante labor vencellado á recuperación da cultura galeguista na postguerra, principalmente no ámbito da arquivística. É logo de Pura Vázquez a segunda muller que recibe este galardón.

Cando se constitúe a Fundación Penzol no ano 1963 Olga Gallego foi a encargada, xunto con Francisco Fernández del Riego, da catalogación dos seus valiosos fondos bibliográficos. Despois pasou por concurso de traslado ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense (1969-1989), sucedendo na dirección do mesmo a Xesús Ferro Couselo, con quen sempre mantivo un importante vínculo intelectual. Foi presidenta de Anabad-Galicia, e no ano 1980 entrou a formar parte como correspondente na Real Academia da Historia. En 1985 converteuse na primeira muller que ingresaba como numeraria na Real Academia Galega.

En 2006 recibiu xa un importante recoñecemento, ao facerse cunha Medalla Castelao na primeira ocasión en que estas foron outorgadas polo bipartito; naquela ocasión, recibiu o galardón canda a Angel Carracedo e Avelino Pousa Antelo.

O acto do día 29 de xuño

O premio ten carácter honorífico e concrétase nunha homenaxe que se celebrará na casa grande de Cimadevila, na parroquia de Trasalba (Amoeiro), o vindeiro domingo 29 de xuño. Nun acto literario, presidido polo titular da Real Academia Galega (presidente de honor da Fundación), entregarase á homenaxeada un libro de recoñecemento, un debuxo que Isaac Díaz Pardo deseña sempre para a ocasión e unha placa de lembranza. O tamén bibliotecario, arquiveiro e documentalista Pablo Sánchez-Ferro, vocal técnico do equipo de dirección do Patronato e neto de Xesús Ferro Couselo, será o encargado de pronunciar a laudatio de Olga Gallego.

Nos últimos anos o Premio Trasalba homenaxeou a persoeiros do galeguismo como John Rutherford (2007), Milladoiro (2006), Agustín Sixto Seco (2005), Xaquín Lorenzo, Isidro Parga Pondal, Xaime Isla Couto, Lois Tobío, Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz Andrade, Xosé Neira Vilas, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero ou Andrés Torres Queiruga.


3,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Olga Gallego recibiu en 2006 a medalla Castelao, de mans de Emilio Pérez Touriño
Olga Gallego recibiu en 2006 a medalla Castelao, de mans de Emilio Pérez Touriño