Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DATOS DO INE DO 2007

Crece o número de libros editados en galego

O pasado ano publicáronse 1472 obras na nosa lingua, seis de cada dez das que se imprimiron en Galiza.

Redacción - 11:14 29/04/2008

En realidade, o mercado editorial galego e español rexistra variacións moi leves, segundo os datos publicado polo Instituto Nacional de Estatística este luns. Medra lixeiramente o número de títulos publicados na nosa lingua, pasando de 1406 (2006) a 1472 (2007), cun ascenso meirande se comparamos os datos cos de 2005, cando se editaron 1165 obras. Pola contra, a cifra total de libros publicados en Galiza descendeu en case cen títulos. Iso implica unha mellora na proporción de publicación en galego fronte a castelán: máis de seis de cada dez libros editados no noso país está escrito na lingua propia de Galiza (o 62,26%), cinco puntos máis que o pasado ano, cando a publicación en galego situábase no 57%.

A debilidade da industria editorial galega, superada en número de títulos por comunidades autónomas con menos poboación, como Euskadi e Castela e León. Galiza é o sétimo territorio do Estado en publicación de libros.

En canto á lingua, malia ao aumento en cifras absolutas dos libros editados en galego, en proporción co total da produción editorial do Estado, a nosa lingua perde peso, representando o 2,02%, fronte ao 2,12% do 2006 e ao 2,27% do 2004. Oito de cada dez libros edítanse en castelán (78,58%), e un de cada dez en catalán (10,37%); o euskera fica por debaixo do galego, co 1,51%.


4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: