Emilio Pérez Touriño asinou un 'acordo de intencións' coa entidade para fomentar a Aula Virtual de Español (AVE) en todo o mundo.
O 'acordo de intencións' asinado pola Xunta e o Instituto Cervantes este venres, a través de Emilio Pérez Touriño e Carmen Caffarel, prevé reforzar a colaboración entre ambas as dúas institucións.
Por unha banda, a Xunta comprométese a apoiar a implantación e difusión da Aula Virtual de Español (AVE) para a aprendizaxe do español pola internet e animará ás empresas do país a patrocinar os programas do Cervantes. A cambio, o Cervantes afirma que ampliará os cursos de lingua galega, incentivará as exposicións e outras manifestacións culturais procedentes de Galiza e incrementará a presenza de libros en galego nas súas bibliotecas.
Así pois, os fondos públicos do Goberno servirán para promocionar o idioma castelán en todo o mundo e no propio Estado, Galiza incluída. A AVE é un entorno didáctico que ofrece cursos para aprender español por Internet, podéndose realizar estes cursos de forma presencial, semi-presencial e a distancia.
Touriño salientou en París que as sedes do Instituto Cervantes "son as mellores embaixadas da cultura española" e engadiu que transmiten con fidelidade "a realidade da España plural, da España unida e diversa, da España consciente de que a súa pluralidade lingüística e cultural é un dos seus maiores activos".
O Instituto Rosalía, máis lonxe?
A sinatura deste convenio, que tivo lugar este venres en París, a onde se desprazou Touriño para inaugurar unha exposición de 16 artistas plásticos galegos no Instituto Cervantes da cidade, parece afastar aínda máis a creación do Instituto Rosalía, cuxa función proxectada era a de difundir a lingua e cultura galegas no mundo.
A creación do Instituto Rosalía estaba prevista no acordo de goberno asinado por PSdeG-PSOE e BNG en 2005. Nese documento, considerado un 'contrato coa cidadanía' falábase da futura creación dunha institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galiza (o Instituto Rosalía), que tería como función realizar outro dos obxectivos do programa de goberno: a difusión da realidade e especificidade galega no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galiza e promovendo dun xeito especial a lingua e a cultura galega no exterior.