Recuperándose están aínda do impacto da inmersión nómade dos do NorOeste, mais os palanadores cruzan Galiza para loitar por este novo trofeo.
Recuperándose aínda do tremendo impacto da inmersión nómade no oasis de Ledoira da Conferencia NorOeste, a LNB "coma os cans que osman o bo tempo", encerou as táboas e enfundou os traxes de neopreno para este domingo desafiar as leis da gravidade, máis ca nunca, surfeando polas paredes dos furanchos en Xil, a parroquia máis brava do Concello de Meaño.
Xil recibe, despois de 2 anos, aos fillos da LNB e faino ao grande, cunha competición con visos de ser eterna: a Copa Salnés. Nesta hanse dar cita, nunha mesma pista, as estrelas deste deporte, a partires das 16:00 horas. O enfrontamento: entre a Conferencia Sur e un Combinado do Norte. Despois do partido vai haber un, xa clásico, concurso de varados no que se xoga un saboroso xamón.
Porque... quen dixo medo? En tal caso fame...
Nin a Copa de Europa nin a ensaladeira de Wimblendon se pode comparar ao espectacular e cegador brillo que desprende esta obra de arte construída no Sur polos grandes artesáns da LNB, dirixidos polo poderoso mestre Rubén Otero.
A Copa Salnés agarda xa a que os equipos do Norte e do Sur invadan a pista de Xil para tentar levala a un dos hemisferios en loita. Mentres a gran tribo do Sur entoa o You'll never walk alone para amedrentar ao tenso Norte, este agarda coma un gato agochado entre os ramallos a que dean as 16:00 horas do domingo para lanzarse sobre a súa presa na pista da capela das Angustias. O viños dos furanchos ferve nos barricas desexando saber que beizos bicarán a copa e beberán o seu líquido. Insistimos... máis angustiosa espera , imposíbel!
A folla de ruta
Este histórico enfrontamento está organizado pola Taberna da Cancela (que xa ten recrutado a varios palanadores e palanadoras locais, listos para sumarse ás grandes estrelas do sur, encabezadas polos finalistas do Aberto de Mos, Josué e Chupi, e Xosué Miguel, o gladiador de Ourense), xunto coa LNB.
A saída do norte será as 8:30 horas da Estación de Ribadeo, coas recollidas habituais e con posíbel parada en Compostela. Ao mediodía chegarase a Xil, para encontrarse na Taberna da Cancela. Quince minutos máis tarde comezará un percorrido guiado polos furanchos. Ás 14:30 horas haberá un xantar de irmandade e ás 16:00 comeza o torneo. Polo xamón xógase ás 18:00 horas, e a cada cacho O Varal Morse vai dar o pulso directamente dende a pista das Angustias.