Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta quinta feira no Parlamento

Marta Souto incide na importancia de aumentar as horas de Educación Física

A directora xeral para o Deporte explicou as actuacións do seu gabinete, encamiñadas a dinamizar o deporte entre os máis cativos, entre os mozos ou entre as persoas con discapacidade.

Redacción - 11:50 25/04/2008
Marta Souto con triatleta Gómez Noya e Ánxela Bugallo

Marta Souto con triatleta Gómez Noya e Ánxela Bugallo

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, explicou esta quinta feira, na súa comparecencia ante a Comisión non Permanente para o Estudo da Situación da Mocidade en Galicia, como é o modelo de traballo no Deporte Galego que, dixo, está centrado en "modernizar e redefinir o herdado do anterior goberno para axeitalo ao século XXI no que vivimos".

Neste sentido, comezou destacando os case 1'5 millóns de euros que se investiron no deporte de base o ano pasado, que foron destinados a programas que tiveron "un enorme éxito" entre os nenos e nenas galegos/as, como o Proxecto Nabeira08, a Volta d@s máis nov@s, a carpa Galiza nos Xogos Olímpicos ou os Xogos do Eixo Atlántico.

Deporte escolar: máis horas de Educación Física

Souto tamén lembrou a firme aposta da Consellaría de Cultura e Deporte polo deporte en idade escolar como unha actividade físico-deportiva necesaria dentro e fóra dos centros escolares, que serve para reforzar a aposta pola socialización dos máis cativos, e a adquisición de hábitos saudábeis. Para isto a máxima responsábel do deporte en Galiza destacou que é preciso aumentar as horas de Educación Física nos Centros Educativos, petición que apoiaron os vogais do PSdeG e do Partido Popular.

Ademais de salientar o traballo feito no deporte escolar e de base, a directora xeral tamén lembrou os esforzos que o seu gabinete dedicou a apostar pola presenza da muller no deporte e a visibilización do deporte feminino, e, por suposto, a consolidacións das seleccións galegas absolutas nas competicións amigábeis e das seleccións galegas en categorías inferiores en competicións oficiais.

O deporte como ferramenta de integración (na sociedade e no mundo laboral)

Souto incidiu na función social que ten o deporte como ferramenta de integración, e adiantou que se están poñendo en marcha políticas de inserción social (este ano é o primeiro que hai dous alumnos con discapacidade matriculados no CGTD) mais tamén de inserción laboral, grazas á "formación" dos mozos para acadar a titulación específica deportiva após a que pode chegar a súa contratación, ben sexa a través de acordos coa Consellaría de Traballo ou con programas propios.

Finalmente Souto desvelou que se están a desenvolver novas infraestruturas deportivas no país e que as obras no Centro de Tecnificación Deportiva de Vela de Vilagarcía están "moi avanzadas" polo que se espera que se poida inaugurar "despois do verán".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: