A empresa galega Pronor Enxeñeiros presentou a preto dunha trintena de docentes da Universidade de Santiago solucións tecnolóxicas para deseñar as aulas universitarias do futuro, ...
... unha vez que se produza a obrigada adaptación ás esixencias do Plan de Bolonia e empece a cobrar pleno protagonismo o Espazo Europeo de Educación Superior. Os novos tempos levarán un profundo cambio na forma de dar as clases, polo menos tal e como se entende hoxe en día. Unha das solucións "imaxinativas, fáciles de utilizar e economicamente asumible pola Universidade", segundo o director da empresa, José Luís Díaz, son as pizarras dixitais.
Sinalou que a implantación desta nova tecnoloxía é "moitísimo máis barata", ata o punto de que o prezo dunha lousa dixital sitúase ao redor dos 1.000 euros, fronte aos 30.000 euros que custa un aula de videoconfencia. Ademais "ofrece moitas máis posibilidades", asegurou.
Segundo explicaron os técnicos desta empresa de enxeñería na demostración, a pizarra dixital interactiva abre un grande abanico de posibilidades tanto para o alumno como para o profesor.
Así, o estudante poderá acceder a clases, a través de internet, en tempo real. Isto permitirá que universitarios de calquera parte do mundo poidan seguir desde o seu computador o contido dunha clase que se imparta na Universidade compostelá.
Tamén fai factible que alumnos galegos que non poidan acudir presencialmente ás clases por calquera motivo, cheguen a cursar os seus estudos. Estas posibilidades, de acordo co director de Pronor Enxeñeiros, permite cumprir coa esixencia de Bolonia de garantir a accesibilidade e a mobilidade dos alumnos.