Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Playa de Bakio chega á costa

Erkoreka láiase de que Madrid non fixera "nada" para protexer os pesqueiros

A OTAN di que non recibiu petición de axuda e a Comisión Europea que a protección non é responsabilidade da UE.

Redacción / Europa Press - 14:45 22/04/2008

Un dos mariñeiros do barco secuestrado, Mikel Arana, puido facer a primeira hora da mañá deste martes unha chamada a seu pai, e nunha breve conversa confirmoulle que o atuneiro está fondeado fronte á costa e que os piratas pecharon no comedor os tripulantes, agás a capitán e xefe de máquinas.

O pai de Arana contou en declaracións a Radio Euskadi que seu fillo lle trasladou que os "trataron bastante ben, dentro do que cabe", aínda que lles roubaron algúns obxectos persoais dos seus camarotes. De paso, revelou que alén dos catro secuestradores que tomaron o buque nun primeiro momento, posteriormente subiron media ducia de persoas máis. "Polo que me dixo o rapaz son militares, con tácticas militares e preparación militar", contou.

Doutra banda, o voceiro do PNV no Congreso, Josu Erkoreka, asegurou este martes que espera que, despois deste suceso, as denuncias realizadas anteriormente "non sigan caendo ao baleiro". Erkoreka considerou que o goberno español debe tomar consciencia da "gravidade" da situación e adoptar medidas "serias" para garantir a protección dos mariñeiros no índico. O deputado nacionalista vasco queixouse de que o executivo estatal non aplicase "as medidas sopesadas e mesmo aprobadas pola Cámara". "Se o fixesen non estariamos en condicións de reprocharlle a situación na que estamos, pero visto que non fixo nada o reproche é inevitábel", subliñou.
A OTAN non recibiu petición de axuda
A Organización do Tratado do Atlántico Norte explicou este martes que non recibiu "petición formal de axuda" desde o goberno español fronte a calquera posíbel operación conxunta para a liberación do buque secuestrado en Somalia. Con todo, de producirse, o asunto sería tratado pola organización con carácter "urxente".

Por outra parte, a voceira da Comisión Europea, Pia Ahrenkilde, comentou ao respecto que é competencia dos Estados membros e non do Executivo da UE tratar a protección militar dos barcos pesqueiros europeos que faenan en augas internacionais. Ahrenkilde respondía así á pregunta sobre a posibilidade de que sexa a Comisión a que remita ao Consello de Ministros e aos Vintesete unha proposta que garanta a seguridade marítima dos barcos pesqueiros en alta mar.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: