Os ecoloxistas do país tentan concienciar a poboación para frear a emisión de gases de efecto invernadoiro con actos curiosos como unha "pingüinada".
A Terra celebra hoxe o seu día / NASA
O Día internacional da Terra, que se conmemora en todo o mundo o 22 de abril, tamén un reflexo na rede galega. Aínda que non hai ningunha campaña organizada, nin movementos comparábeis aos que fai, por exemplo, Google, con logotipos especiais no buscador e mais no YouTube, os principais colectivos ecoloxistas non queren que a xornada pase desapercibida.
A presidenta de Adega, Adela Figueroa, publica na súa web un artigo que ten como trasfondo o lema deste ano: "Fronte ao cambio climático, menos CO2", que pretende mobilizar toda a poboación mundial para a redución da emisión de gases que provocan o efecto invernadoiro, o quecemento global e o coñecido cambio no clima.
Pola súa banda, Verdegaia aproveitou a véspera da conmemoración para presentar un informe sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro nos últimos anos no país.
Amigos da Terra desenvolve o martes accións reinvindicativas mediante a campaña S.O.S. Clima. Ademais de instalar unha mesa informativa na praza do Toural, en Compostela, a partir das cinco da tarde, desenvolverá unha curiosa "pingüinada" dúas horas despois: unha manifestación de persoas disfrazadas de pingüíns que escenificarán un mitin político.